Estamos de moda

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE CIUDAD

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres o escaparate de Fitur amosaba un Ourense termal en albornoz e chancletas e que marcaba estilo por ser o berce de importantes deseñadores, a 500 quilómetros dalí, na cidade das Burgas, e con menos moito glamur, a imaxe era a das caras de cansanzo dos traballadores de CHUO enfundados nas súas batas brancas, despois de 48 horas no vestíbulo do hospital protestando contra a redución orzamentaria que afecta o recorte de camas e de persoal a pesar da apertura do novo edificio de hospitalización.

Nos corredores de Ifema había overbooking de cargos institucionais de Ourense saudándose e dando o relevo aos que xa tiveran os seus dous minutos de gloria sobre un atril fronte ao que non había case ninguén; mentres, nos corredores do CHUO o abarrote era de persoal que lle daba o relevo a outros compañeiros e compañeiras que pasaran a noite fronte a unha mesa de recollida de sinaturas.

Esta semana, nun acto no que estaban presentes entre outros o ministro de Fomento, e o presidente da Deputación de Ourense, anunciáronse descontos no prezo do billete de tren entre Madrid e a nosa cidade; algo que case parece unha broma de mal gusto, xa que a 15 kilómetros de Ourense aínda non se puxo nin unha soa pedra do AVE, e se volveu a constatar unha vez máis que a chegada da alta velocidade vén a paso de tartaruga.

Soubemos tamén estes días, segundo datos do INE, que seguimos sendo a provincia máis envellecida de España, que perdemos a razón de case 8,7 veciños ao día. Pero non pasa nada porque esa perda compensámola coas visitas americanas que nos atrae Baltar á provincia, a última a dunha actriz da familia Kennedy xunto con dous amigos que segundo conta nunha revista do corazón, se quedaron «fascinados» con Ourense.

Esta semana era máis sinxelo atopar aos cargos institucionais ourensáns e membros do goberno de postureo no recinto feiral de Ifema facéndose fotos co seu mellor sorriso nos expositores, que dando respostas aos problemas da cidadanía. Non me parece mal que se vaia a Fitur, o problema é que o día que hai dar un golpe enriba da mesa en Madrid para que Ourense teña un hotel-balneario, para reclamar a finalización do centro de interpretación de espazos naturais, para que se cumpran os prazos de chegada do AVE a Ourense, ou se potencie de verdade o turismo no rural, ese día non aparece ninguén para a foto. En realidade o que pasou esta semana é o de sempre, que unha vez máis a realidade volveu a superar á ficción.