Saturno, vinte anos despois

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

OURENSE CIUDAD

19 ene 2018 . Actualizado a las 06:10 h.

Presúmese unha ética na arte de narrar que obriga a enfrontarse arreo coa entreliña, peneirando os excesos estéticos que se intúen accesorios. Cómpre un espírito depurador e nada compracente para se adherir a ese propósito. A observación, aberta loxicamente a discordancias, conclúe que todo aquilo que o escritor consegue encubrir, mesmo en contra dun empeño inicial, xoga máis a favor do resultado ca un uso decorativo da linguaxe. Os relatos que compoñen Saturno tamén é deus, reeditados logo de vinte anos da súa primeira aparición, secundan con éxito ese imperativo. O que nos conta Uxía Casal ten que ver cun mundo subterráneo, con voces que gardan silencio, coa realidade que adiviñamos fóra de plano. A angustia e a estrañeza do cotián está aí, detrás da porta. Por iso a autora de Sede en Ourense consegue encirrarnos a lecturas ocultas alén da cortiza narrativa do texto, e cunha aparente espontaneidade na expresión que revela un honesto e esmerado traballo narrativo. Había demasiado tempo que non sabiamos nada de Uxía Casal, ausente da area literaria do país dende Vidas exemplares (Xerais, 2005). Chega agora ás librarías coa revisión dunha obra que debeu suscitar unha acollida máis cálida no seu tempo. Desta volta a edición acolle un relato non incluído na edición orixinal, O pequeno Mario, talvez entre os máis conseguidos do volume xunto con Monotonía. Que esta nova presenza da escritora na mesa de novidades sirva para motivar o seu vindeiro retorno.