«Non se ven moitas mulleres instrumentistas ou arranxistas»

félix jorquera

OURENSE CIUDAD

cedida

A Banda da Loba, da que é vocalista Xiana Lastra, presenta o venres en Ourense «Bailando as rúas»

16 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 19 • 21.30 horas • Café Cultural Auriense • 5 euros • Xiana Lastra é a vocalista de A Banda da Loba, un grupo galego integrado por cinco mulleres que está a presentar o seu primeiro disco, «Bailando as rúas». O sábado estiveron en Lugo e este venres, día 19, tocarán no Auriense.

-¿Como nace o grupo?

-O grupo tardou en formarse porque nace dun proxecto anterior que comezaramos algunhas de nós e que non saiu adiante, pero como nos gustaba traballar xuntas, decidimos seguir facendo cancións. Hai ano e medio que vimos traballando no repertorio do primeiro disco, que acaba de saír á luz.

-Música para un amplo espectro de público, sen un estilo definido, ¿non si?

-O noso repertorio é como un caleidoscopio musical porque ten moitas cores diferentes, bebe do pop, do folk, o rock, o country... hai estilos variopintos na nosa música. Pero, ao mesmo tempo, ten unha sonoridade característica, todo soa á Banda da Loba.

-¿A muller galega está cobrando por fin protagonismo na música galega?

-Aínda ten que cobrar máis. Estamos acostumadas a ver mulleres vocalistas, cada vez máis como compositoras, pero non tanto como arranxistas ou instrumentistas, hai pouco oco aínda a día de hoxe e é necesario reivindicar ese espazo para as mulleres. E tamén queremos, no eido musical e poético, acercar a poesía ao gran público porque a combinación de poesía e música cobra máis forza xunta.

-Musicades poemas propios e de autoras recoñecidas.

-Temos un pouco de todo: de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, pero tamén de autoras contemporáneas, como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.

-A Banda da Loba vende talento e creatividade, non «carne»...

-Si, e queremos animar á xente a non ter medo a crear, a facer cousas novas; parece que se nos esixe moito máis á muller que ao home e iso bótanos moitas veces para atrás.

-¿Como foi o proceso de edición e produción do disco?

-Foi autoproducido a través de Seispés Producións Creativas, da que eu formo parte. Para a parte musical, contamos con Adrián Saavedra,

un gran profesional, e coa colaboración de Guadi Galego e das Tanxugueiras, para dúas cancións.

-¿Como é a banda?

-Gústanos moito, é a mellor parte. Ter o disco nas mans está moi ben, pero apetece mostrarlle o traballo á xente enriba do escenario; ese é o único sitio onde es capaz de plasmar todo e conectar co público. A montaxe e as composicións dos temas tamén nos gusta moito porque facemos todo en grupo. «Non se ven moitas mulleres instrumentistas ou arranxistas».