Luces e sombras dunha grande exposición

Xosé M. Vélez FIRMA INVITADA

OURENSE CIUDAD

14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas as persoas que gustamos da Historia, da Arqueoloxía e da nosa Galicia estamos de noraboa: a exposición In tempore Sueborum: O Tempo dos Suebos na Gallaecia (411-585) é, hai que dicilo antes de nada, unha boa noticia. Trátase dunha importante exposición, que ten interese para toda persoa con inquietudes de coñecer de onde vimos. Desde o punto de vista arqueolóxico é unha selección impecable e importante de pezas. É emocionante poder ver o Caldeiro de Musov, cartel da exposición, con esa representación do guerreiro bárbaro suebo co característico «moño suebo» (ou Suebenknot, en alemán), en que os guerreiros libres xermanos se recollían a abondosa e longa cabeleira. Era un símbolo, ademais, de liberdade. No centro cultural Marcos Valcárcel, primeiro dos tres espazos expositivos, hai un verdadeiro tesouro: a colección de ourivería e moedas tardorromanas, suebas e visigóticas. Emociona moito a comparación entre pequenas pezas: véxase o colar de ámbar de Vigo e compárese co colar de ámbar e cuarzo de Smolin, a moitos quilómetros e un par de séculos de distancia.

Tamén hai importantes pezas relativas á cristianización da Gallaecia na Igrexa de Santa María Nai, orixinais ou reproduccións. Gustaríanos que esta exposición resaltase mellor un elemento da nosa identidade nacional galega no que se insiste pouco. Hai catro cristianismos galaicos, o priscilianista, o arriano, o católico martiniano e o católico xacobeo. E son igualmente respetables e partes da nosa Historia. Emocionan especialmente tres pezas: a reproducción do Disco de Quiroga (con esa mensaxe misteriosa, case gnóstica), a réplica do Sartego de San Martiño de Dumio (obra cumio da arte sueba, que apunta cara ó pasado tardorromano e cara ó futuro pre-románico) e a lápida de San Pedro de Rocas (copia posterior dunha lápida anterior, que dá testimonio dunha peculiaridade da Igrexa (priscilianista, arriana e católica) primitiva: a súa base popular, adaptada a un poboamento peculiar e cunha forte intervención de fieis e ascetas que ían bastante «por libre» e non tanto da xerarquía romana, bracarense ou lucense...

O terceiro espazo da exposición, o Museo Municipal, é unha magnífica introdución non só á Gallaecia sueba, senón a todo o paso da Galiza antiga e romana á medieval, en aspectos de estructuras de poboación, vías e camiños, e divisións territoriais e administrativas.

O Catálogo da Exposición, en castelán, galego e inglés, é moi bo no aspecto gráfico é dun prezo que o pon ó alcance de todo o mundo. Un catálogo sen dúbida caro, custoso, como é toda esta magnífica exposición: só os seguros e a seguridade privada que esixe a vixilancia de certas pezas supón un grande custe. Dado que se trata de diñeiros públicos, dos nosos impostos, é importante que as actividades culturais sufragadas con eles teñan a suficiente calidade e transparencia.

Algunhas das sombras da exposición teñen que ver co modo de organización: parece ser que foi encargada polo presidente da Deputación a dous profesores universitarios, dous brillantes historiadores, Jorge López Quiroga e Artemio Martínez, aos que sen dúbida se deu unha especie de carta branca. E aí comezan os problemas. En primeiro lugar, prescindiuse de algo que tería sido interesante: a colaboración dos Departamentos de Historia das Universidades de Vigo (Campus de Ourense) e de Santiago, que teñen brillantes especialistas e probablemente terían feito o que lle falta a esta exposición: un material para acercala ó público escolar, ós alumnos de colexios e institutos, guías didácticas accesibles... e terían dado unha visión quizais máis cercana a como os propios galegos temos vivido a memoria dos nosos antepasados suebos.

Pero hai algo máis. Resulta incrible, para os que traballamos en Historia Antiga e Medieval, que apareza tan pouco destacada a obra do profesor Pablo C. Díaz, da Universidade de Salamanca, e o seu libro fundamental, El Reino Suevo (Editorial Akal, 2011), e a recente de J. D´Emilio, Culture and Society in Medieval Galicia, editada por Brill en 2015. Dous grandes profesores e dous libros magníficos que deberían estar presentes nesta exposición. Exposición que, deixando fóra estes aspectos, será un dos grandes acontecementos destes tres meses para Galicia, Portugal e o resto de España. Pero os organizadores deixaron fora moitos aspectos (non puramente arqueolóxicos) da relación literaria e identitaria dos suebos coa cultura galega, nomeadamente co galeguismo cultural e político.

Porque os suebos son, para os galegos e os portugueses (especialmente os do Norte), un compoñente importante da nosa identidade. Tamén da nosa identidade lingüística. Pensemos nos xermanismos que hai na lingua galega: pensemos que, se ás lavercas as chamamos lavercas, é por causa dos suebos...

Xosé Manuel Vélez Latorre é profesor de latín no instituto Eduardo Blanco Amor de Ourense e escritor