Piden o Día das Letras Galegas para Xavier Prado «Lameiro»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

Homenaxe ao escritor ao cumprirse os 75 anos da súa morte

24 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha fría mañá de inverno, como corresponde á data, no Xardín do Posío -noutrora xardín botánico do instituto, como lembrou Juan Luis Saco na súa intervención- a Coral de Ruada e a Fundación Otero Pedrayo lembraron a Xavier Prado Lameiro polo 75 cabodano do seu pasamento. Unha cita á que se sumaron algunhas das fundacións vencelladas aos persoeiros da Xeración Nós como as que levan o nome de Vicente Risco e Castelao -desculparon a súa presenza as fundacións Losada Diéguez e Alexandre Bóveda-.

Na súa intervención en memoria de Prado Lameiro o presidente da Coral de Ruada, Samuel Lago, lembrou que o homenaxeado foi fundador do colectivo e agradeceu o traballo desenvolvido por Delfín Caseiro á hora de reivindicar ao escritor e xornalista. Lago emprazou á Real Academia Galega, depositaria do legado do ourensán, a que faga xustiza co mesmo «e adique o Día das Letras Galegas a Xavier Prado Lameiro para que toda a sociedade galega coñeza a súa figura e o seu compromiso con Galicia».

 

 

Delfín Caseiro sumouse á demanda de Lago e amosouse convencido de que «xa vai sendo hora de que ocupe o lugar que se merece na literatura galega, sobre todo pola súa obra dramática». Fixo un percorrido pola súa vida, lembrando a súa condición de creador -xunto a Hixinio Ameixeiras- da Irmandade da Fala de Ourense, definiuno como «un dos grandes do xornalismo galego no primeiro terzo do século XX», referiuse á súa amizade con Vicente Risco e á súa condición de redactor xefe na primeira etapa da Revista Nós.

Para Juan Luis Saco, presidente da Fundación Otero Pedrayo, faise necesario «superar o menor coñecemento que ten Prado Lameiro en relación a outras figuras como Lamas Carvajal» e para Luis Martínez-Risco, da Fundación Risco, actos como o de onte no Posío son necesarios para homenaxear «aos galegos que adicaron a súa vida á creación do discurso identitario da sociedad galega como pobo, como nación e como país». Lembrou que logo de celebrar o centenario das Irmandades da Fala a próxima cita histórica «para a cultura de Galiza será a celebración do centenario da revista Nós -que se cumpre no 2020- e terá que ter continuidade logo co do Seminario de Estudos Galegos, proxecto que tamén Prado Lameiro compartiu». Nesta reivindicación coincidiu o mantedor do actor, Afonso Vázquez-Monxardín, que lembrou que as Letras Galegas teñen unha débeda co ourensán Saco e Arce, autor da primeira gramática galega.

 

 

Na homenaxe tamén interviñeron Miguel Ángel Seixas (Fundación Castelao) e Javier Prado Méndez, neto do homenaxeado. O representante da familia referiuse á «satisfacción e agradecemento» da mesma para cos organizadores do acto de homenaxe ao escritor e salientou o feito de que se manteña viva a súa memoria logo de pasados 75 anos «cinco máis dos que el viviu».

A ofrenda floral das institucións, a intervención do alcalde Jesús Vázquez Abad e a actuación da Coral de Ruada pecharon o acto do Posío.