Laia Abril amosa o seu ensaio fotográfico sobre Romasanta

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

O proxecto «Lobismuller» estará no Museo Municipal de Ourense ata o día 11 de febreiro

27 dic 2017 . Actualizado a las 19:39 h.

A figura de Manuel Blanco Romasanta segue a ser obxecto de debate e interese. O chamado home-lobo de Allariz -que era de Requeixo (Esgos) e a relación que tivo coa vila alaricana foi por ser a cabeceira do partido xudicial onde se celebrou o xuízo- chega agora ao Museo Municipal da man do Outono Fotográfico e da creadora Laia Abril. O ensaio fotográfico Lobismuller, recollido nun fotolibro, incide no feito de que o asesino en serie foi bautizado como muller e que, de acordo coas novas teorías, tería sido unha persoa intersexual. A mostra, que estará exposta ao público ata o 11 de febreiro próximo, foi presentada onte polos coordinadores do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves -curador da exposición-, a responsábel dos espazos museísticos de Ourense, Eva Torres, e os irmáns Cástor e Félix Castro Vicente, investigadores da figura de Romasanta e os que aportaron os datos que daban conta da súa estadía final e morte en Ceuta. Na presentación de Lobismuller lembrouse que durante o xuízo a Romasanta foron moitas as testemuñas que diron conta da súa condición de «persoa amaneirada» que «facía tarefas propias de muller».

Laia Abril é unha recoñecida fotógrafa e creadora que leva anos desenvolvendo proxectos artísticos «a cabalo do xornalismo, temáticas como os feminismos e cuestións de xénero, así como a sexualidade e os trastornos da alimentación».