A MOTI, o mellor agasallo infantil de Nadal

La Voz

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Catorce compañías participarán na mostra de teatro que se celebrará do 23 ao 30 de decembro

19 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 23 ao 30 de decembro • Auditorio, Teatro Principal, Campus de Ourense e rúas da cidade • Prezos: de 3 a 5 euros • Todos os horarios en www.sarabelateatro.com (enlace MOTI) • Como «un traballo a prol da cultura e a prol da infancia» foi definida a Moti polo alcalde de Ourense na presentación do festival de teatro para o público infantil. Unha mostra que chega como o que os propios organizadores queren que sexa: un tempo para que os país podan compartir a ilusión cos seus fillos para que se convirta no «mellor agasallo» destas festas de Nadal. A MOTI comezará o día 23 coa montaxe «EMOTIonario», espectáculo de Trécola Teatro que se poderá ver na Praza de San Martiño (18.00 horas).

 

Nesta décimo cuarta edición do certame participarán catorce compañías, e haberá dezaseis representacións, e a oferta será moi variada: «Teremos danza, música, monicreques, teatro de sombras, de autor e de rúa», segundo sinalou o director do certame Fernando Dacosta. Xunto a el presentaron a MOTI 2017 o alcalde de Ourense e a concelleira de Cultura, Jesús Vázquez e Belén Iglesias, o vicerrector do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón. O rexedor desculpou a ausencia de Jacobo Sutil, de Agadic.

 

Compañía de Arxentina

Na presentación incidiuse na necesidade de contar con propostas, como a Moti, que axuden aos pais a conciliar a vida familiar e laboral nas datas de Nadal e tamén se salientou o papel que xoga o certame que organiza Sarabela, ao formar aos futuros espectadores e a achegar aos máis cativos ao mundo da escena.

A presenza dos grupos galegos será maioritaria, destacando Fernando Dacosta a calidade e a ampla variedade que se está a dar en Galicia neste sector, e como novidade salientouse a presenza dun grupo de Arxentina, o que lle dá carácter internacional á Moti do 2017.