«Un bo ecoloxista é o que fai cousas no seu día a día, na súa contorna»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Dende hai seis meses Yanira Sousa Iglesias é a coordinadora do primeiro grupo local de Greenpeace

18 dic 2017 . Actualizado a las 17:45 h.

Ten 24 anos e está empeñada en por o seu grao de area para cambiar o mundo. Pretende facelo dende dúas frontes: a do compromiso ecoloxista, que dende hai medio ano a levou a ser a coordinadora do grupo local de Greenpeace en Ourense; e dende a actividade profesional á que quere dedicarse. Esta enxeñeira informática quere poñer a súa formación á traballar contra a ciberdelincuencia e, con ese obxectivo, dedica oito horas de estudio e dúas de ximnasio ó día para preparar as oposicións á Policía Nacional. Pretende entrar no grupo de delitos informáticos.

-¿Por que se decidiu por formar parte de Greenpeace?

-Eu xa os seguía en redes e inscribinme como voluntaria. Gustábame o que vía dos grupos de Galicia. Parecíame un movemento moi dinámico, con moita actividade formativa e informativa nas rúas. A min apetecíame saber máis, aprender cousas para min mesma, para ter unha actitude máis respectuosa co medio pero tamén quería axudar e aportar algo á miña cidade.

-¿E o de ser coordinadora do grupo de Ourense?

-Cando hai un grupo de voluntarios da mesma zona Greenpeace organiza un encontro para que se coñezan. Se despois hai un número suficiente de persoas dispostas a dedicarlle tempo pódese crear un grupo local. O noso creouse en febreiro. Eu comecei axudando en coordinación e cando o primeiro responsable, David Cervelo, tivo que marchar, quedei con esa tarefa.

-Estar nunha organización internacional como esta ¿non limita a liberdade de acción local?

-En absoluto. Nós saímos nas campañas que se fan a nivel xeral, como foi a dos plásticos nos mares; pero tamén organizamos actividades de concienciación e información pola nosa conta e de cousas que inflúen no noso medio. Calquera que teña unha idea porque vexa que en Ourense hai un aspecto concreto que se debe traballar, pódea propoñer e faise. Este ano incluso participamos nos maios, pero o noso o estaba feito con vexetación queimada dun lume que acababa de producirse na zona de Xinzo. É unha forma de chamar á reflexión, porque nese día de exaltación da natureza parecíanos que había que dicir que a estamos destruíndo.

-¿Diría que a mocidade ourensá ten conciencia medioambiental?

-Eu penso que en xeral si. Hoxe en día cuestións como a da reciclaxe, por exemplo, está moi asumida pola xente máis nova porque é algo que xa aprenden dende moi nenos. Cando saes á rúa notas que hai temas máis fáciles ca outros. Neste caso nótase que o de separar o lixo, por exemplo, é algo no que hai concienciación e a maioría dinche que o fan habitualmente. Pero no do aforro de auga andamos máis verdes. É algo que non temos asumido, aínda que penso que a seca deste ano e ver tantas novas de que había incluso cidades que estaban esgotando a súa capacidade de subministro, foi un punto de inflexión que fixo reflexionar a moitos.

-¿Síntese frustración cando un sae á rúa e a xente escapa?

-Sempre hai quen xa ves dende lonxe que se vai afastando. Posiblemente moitos pensan que lles vas pedir algo ou que pretendes facelos socios, cando non é esa a nosa tarefa como voluntarios. Só pretendemos informar porque, ás veces, á xente só lle fai falta iso: saber máis para empezar a cambiar os hábitos e colaborar na protección do medio. Hai quen pensa que ser ecoloxista é mobilizarse nas grandes causas ou esixir as administracións. Iso está ben, pero hai que saber que no problema do quecemento global, ou do que pasa co oso polar, tamén temos responsabilidade cada un de nós. Non é só protestar e pedir que outros cambien. Un bo ecoloxista é o que fai cousas no seu día a día, na súa contorna. Temos que actuar cada un, no local, para que de verdade sexamos capaces de cambiar as cousas.