«'Temporais pasaxeiros' pecha un ciclo literario ao que non vou volver»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Logo de publicar «Poesía Reunida (1988-2017)», Edelmiro Vázquez Naval aposta polo contido social

07 dic 2017 . Actualizado a las 13:07 h.

Non é Edelmiro Vázquez Naval un poeta que se prodigue moito na escrita. As Matemáticas foron a súa paixón e como profesor exerceu no instituto que leva o nome de Ramón Otero Pedrayo, onde se xubilou hai uns anos. Comezou a amosar a súa faceta creativa na etapa de estudante no Seminario, na revista Miña Fala figuran nomes como o seu ou de compañeiros como Luís Álvarez Pousa, Alfredo Vara e outros. Logo xa foi cando os números gañaron a batalla das inquedanzas. Algo do seu traballo chegou aos lectores en revistas, publicacións ou libros colectivos e foi en 1988 cando As voces da saudade foron recoñecidas co Premio de Poesía Cidade de Ourense. Case que trinta anos despois chegou a súa Poesía Reunida (1988-2017), un volume recompilatorio que vai máis alá da definición de obras deste estilo ao incluir un poemario inédito. O proxecto foi desenvolvido por Eurisaces Editora e a publicación conta con prólogo de Claudio Rodríguez Fer e epílogo de Luís Álvarez Pousa.

-Como nace a iniciativa da recompilar a súa obra?

-O editor Javier González Lamelas levaba tempo preguntándome se tiña algo novo para publicar e un día, falando diso, barallamos a posibilidade deste proxecto. O volume reúne a miña poesía en galego, tres libros, e inclúe unha obra nova. Aproveitei para revisar o traballo, sobre todo dos dous primeiros libros, e así nace esta Poesía Reunida.

-Conta cun prólogo de Claudio Rodríguez Fer e un epílogo de Luís Álvarez Pousa.

-Esa é unha iniciativa da editorial. A Rodríguez Fer non o coñecía, a elección foi de Eurisaces, e si que propuxen o nome de Luís Álvarez Pousa para o epílogo porque mantemos amizade dende nenos. A Fer tíñao lido moito, tanto como poeta como no que son as súas críticas, e contar co seu texto e coñecelo resultou unha marabillosa experiencia.