«Un premio vencellado a Neira Vilas é unha responsabilidade»

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a entrega do galardón «Balbino» e a presentación da publicación

25 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel foi o lugar elexido polos promotores do Concurso «Balbino» de Relatos para entregar o premio da segunda edición e presentar o libro galardoado. O ourensán Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974) acadou a distinción por un conxunto de quince relatos, que forman o libro «De que falan as árbores». A convocatoria está dotada con 1.500 euros e a publicación do traballo por Edicións Fervenza.

-Ten moitos premios literarios mais a súa faceta profesional non está moi vencellada a este sector.

-Son licenciado en Veterinaria e na actualidade fago unha substitución en Medio Rural. Sempre tiven a afección de escribir e cos relatos fun conseguindo varios premios ao longo destes anos.

-Compaxina galego e castelán?

-Comecei escribindo en castelán, aínda que logo pasei ao galego e dende hai anos é o idioma empregado para a miña creación literaria.

-Un galardón con ese nome é un valor engadido?

-Un premio vencellado á figura de Neira Vilas é unha responsabilidade, e máis levando o nome dun personaxe carismático como Balbino. Para min ademais supón algo especial no persoal, porque estou traballando na zona de Lalín, Rodeiro e Vila de Cruces.

-As historias parten de experiencias vividas?

-Non exactamente. Pola miña profesión teño moita relación co mundo rural, aínda que os relatos parten ao mellor dunha anécdota ou dun dato que coñeces nas conversas coas persoas maiores dos pobos ou da experiencia familiar en casa dos avós. Un pouco de todo hai en «De que falarán as árbores».