Organizado por Expourense co apoio principal da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, Sportur coincide coa presenza na cidade de Ourense de milleiros de deportistas que participarán na Carreira Popular de San Martiño e que terán a opción de recoller os seus dorsais no propio recinto feiral. Aqueles que vaian participar nesta proba poden achegarse ata o stand de Coca-Cola e converter a súa paixón polo deporte en litros de solidariedade, xa que esta empresa contará cunha cinta que traducirá os quilómetros que se corran nela en litros de auga e refrescos que serán doados a Cáritas.
Sportur Galicia será un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións e equipamentos aos que practican deporte e animar aos demais a que o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa que supera amplamente o cento de actividades. O salón conta con 121 expositores, 32 dos cales son federacións, asociación e clubs deportivos que realizarán exhibicións, campionatos e obradoiros. De paso, acolle a entrega de medallas do circuito «Correndo por Ourense» do Concello local. Será o sábado, ás 18.00 horas.