«Sigo saíndo á rúa sen maquillar»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

Habitual das pasarelas, o soño de Iglesias non é a moda, senón ser mestra

04 nov 2017 . Actualizado a las 13:01 h.

Ten un sorriso omnipresente e unha predisposición palpable a moverse: o mesmo repasa un tema das oposicións de Educación primaria que loce moda galega nalgunha pasarela ou relata a recente experiencia como aspirante a Miss Universe Spain coa naturalidade de quen foi de fin de semana cuns amigos. É Miss Ourense 2017, un título, di, que no seu día a día xa é pasado.

Nerea Iglesias Blanco (Ourense, 1994) ten demasiadas ilusións e demasiados proxectos para ancorarse ao resultado dun concurso ao que chegou, conta, case sen decatarse: «Eu, ás veces, como actividade de tempo libre fago desfiles por Galicia. Na axencia coa que traballo animáronme a ir ao casting de miss universo para escoller as representantes de Galicia; primeiro dixen que non porque a min os desfiles gústanme pero o de miss non sabía nin en que consistía, non estaba interesada. Pero comenteino na casa e dixeron por que non? Así que como o casting era en Santiago e eu estaba de vacacións, dixen: vou! Se chego a estar preparando a oposición, non vou, iso seguro. Presenteime por ver e a miña sorpresa foi que me escolleron por Ourense».

Alumna de Carmelitas, Nerea Iglesias estudou na súa cidade natal o grao en Educación primaria, e na Coruña, un máster de Estudos avanzados da linguaxe e as súas patoloxías. Na actualidade prepara as oposicións para ensino primario na especialidade de Inglés.

Como futura mestra e referente directo para moitas rapazas, non considera que o papel de miss poida supoñer un exemplo negativo no ámbito do sexismo: «A verdade é que eu tiña outro concepto dos concursos pero, durante a concentración en Málaga de todas as candidatas de España, non me vin nunca como un obxecto nin nada parecido -expón-. Vinme cunha mestura moi ampla de rapazas desde o punto de vista da beleza e non había ningunha tipo anoréxica; todas comiamos de todo no bufé! Ese concepto de beleza están tratando de cambialo, por exemplo con novos certames nos que aparecen curvas e estrías. Non deixan de ser certames de beleza, iso é certo, pero non me sentín como un obxecto nin moito menos; tratáronnos case como familia».

Unha oportunidade máis

Tanto os desfiles como ese título apenas estreado son, indica Nerea, unha vivencia a sumar: «Tiven sempre moi claros os obxectivos na miña vida e ser miss non é un deles para nada. Non penso que son miss universo Ourense nin nada, simplemente tomeino como unha oportunidade máis».

«A verdade -admite- é que eu non o vexo como algo tan grandioso. Eu sigo igual ca antes; sigo saíndo á rúa sen maquillar e coa roupa que me apetece. Tivo máis repercusión no entorno que en min mesma. Eu estou nunha etapa na que me sinto estable e feliz e o meu obxectivo principal, desde sempre, foi ser mestra, que é o que estou traballando agora. Por iso o outro son hobbies».

Os certames de miss perderon a presenza social de hai décadas e están tratando de adaptarse, entende Nerea Iglesias, ao século XXI: «Déronnos varias charlas na concentración de miss España en Málaga e dicíannos que buscaban unha muller integral, non só pola beleza senón que saiba estar, que saiba comunicarse e que teña un pouco de formación nalgún campo, ademais de idiomas»

¿É miss Ourense 2017 unha muller integral? «Non o sei. Eu son unha muller responsable, formada no que me gustou e aínda a tempo de formarse máis, que lle gusta comunicarse coa xente e, penso, que se sabe comportar así que… igual se me pode considerar integral!», aventura entre risos.