Manuel Núñez Singala: «Moitos actores actuais comezaron no teatro escolar»

O responsable do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago ofrece unha carla no campus


A terceira edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que se celebra dende outubro no campus de Ourense, da man da AELG, sobre as potencialidades do teatro na educación infantil, terá hoxe como protagonista a Manuel Núñez Singala, que é responsable do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago

-¿Que achegará aos mestres?

-Falarei tanto do teatro como da normalización do idioma. Son autor e unha das miñas obras está orientada a isto, chamase «Comedia Bífida» e fala sobre os prexuízos lingüísticos.

-¿Por que é necesaria a normalización do galego?

-En Galicia existen dúas linguas oficiais. A maioría dos galegos saben falar castelán, pero hai unha parte da poboación, sobre todo a máis nova, que ten dificultades para comunicarse en galego e sería convinte que fosemos competentes nos dous idiomas, iso nos permitirá logo escoller un ou outro.

-¿Como se debe usar o teatro neste sentido?

-O teatro vai moi ben para dramatizar conflitos. No lingüístico hai actitudes paranoicas cara a lingua. E iso pódese levar á escena e resultar moi pedagóxico.

-¿Cando fala de paranoico a que se refire?

-A determinados prexuízos que existen sobre o galego, como que falalo a alguén que non o fala é de mala educación, aínda que o entenda. Non é tan acusado como hai anos, pero seguen existindo ideas como que o galego non serve para nada ou que é unha lingua inútil, rural... Todas estas cousas séguense pensando. E no caso dos nenos, que son menos hipócritas que os adultos e minten con maior dificultade, é algo moi perceptible.

-¿Que poden facer?

- Interésame transmitir que temos a posibilidade de ser bilingües, como a inmensa parte da poboación do mundo. Os raros son os que falan so un idioma. Con pouco esforzo podemos ter competencia en dous idiomas e iso pode ser una trampolín fantástico para aprender máis. Está claro que neste mundo cada vez máis comunicado, cun único idioma non é suficiente. Sempre se pensa no inglés, pero é mais difícil se so se sabe falar castelán. É algo demostrado cientificamente.

-¿É o teatro unha ferramenta boa para todo isto?

-Si, claro. É unha maneira lúdica de transmitir determinados contidos, de todo tipo. Simplemente aprender a falar en público ou ante un grupo de persoas é algo que na vida adulta é agradecido e bo ter. E é algo que non se ensina de forma habitual.

-¿Está presente nos colexios?

-Hai sitios onde teñen clases de teatro como unha materia. Eu facía teatro porque había un profesor que montou un grupo. Moitos actores actuais comezaron no teatro escolar. Necesita dun esforzo, pero é moi agradecido, porque os alumnos participan e entusiásmanse.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Manuel Núñez Singala: «Moitos actores actuais comezaron no teatro escolar»