O Outono camiña pola «Descrenza»

La Voz

OURENSE CIUDAD

IAGO CORTÓN

O Festival de Fotografía de Galicia, que xa abriu en varias cidades, chega con 85 exposicións e 260 artistas

31 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Outono Fotográfico reivindícase con cada nova edición. E xa van alá trinta e cinco. O Festival de Fotografía de Galicia xa ten desenvolvido actividades por diferentes lugares da comunidade -en Lugo, Pontevedra e Ribadavia xa hai tempo que abriron mostras e en Vigo anunciouse o pasado venres- e onte presentaba a súas propostas no Liceo de Ourense. Representantes da organización -Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves-, dos concellos de Ourense -Jesús Vázquez, Sofía Godoy e Belén Iglesias- e Lalín -Lara Rodríguez-, a Universidade de Vigo -Virxilio Rodríguez- e o Liceo -José Luis Troitiña-participaron no acto.

O Outono Fotográfico, iniciativa promovida polo desaparecido Benito Losada desde a Casa da Xuventude de Ourense-, desenvólvese este ano como un proxecto chamado a reflexionar sobre a «Descrenza» e ofrecerá unha programación que inclúe oitenta e cinco exposición. En conxunto, o OF 2017 amosará a obra de 260 artistas e chegará a 66 espazos expositivos, repartidos por 22 localidades -catro delas de Portugal-.

Segundo sinalou na presentación o director do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, a proposta desta edición incide na diversidade identitaria para rescatar o carácter radical de ser vivo e «descrer así os modelos decretados, descrer para avanzar». A Sección Oficial afonda no obxectivo de seguir reivindicando a excelencia e faino amosando o traballo de autores e autoras nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. Entre outras formarán parte deste apartado as mostras de Dafna Tal, Tamara Wassaf, Ángel Pantoja, Jon Gorospe, Alfonso Almendros, Javier Víver, Ulla Deventer, Anja Bohnhof, Laura Ben Hayoun ou Igor Calvo. Tamén se poderán apreciar os traballos dos galegos Xaquín Rosales, Juan Adrio ou Eva Díez e daráselle un espazo preferencial a xoves emerxentes como Virginia Rota, David Catá, Bruno Silva ou Verónica Losantos

O certame máis veterano

Na presentación do Outono Fotográfico 2017 lembrouse que o certame é o máis veterano dos que se celebran na península e o segundo máis antigo do mundo -só por detrás da convocatoria francesa de Arlés-. O Outono Aberto, as xornadas de formación, as propostas no Campus de Ourense ou as de fotografía histórica serán parte da oferta.