Ourense potencia a colaboración entre Portugal e Galicia

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

daniel gallego

O Liceo acolleu o encontro entre produtores e Áncora serviu de plataforma para presentar novos proxectos audiovisuais

22 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O OUFF 2017 chegou cunha selección de 77 películas, de 23 países, e con 19 cintas a competición nas seccións oficiais. E cunha ampla oferta de actividades paralelas nas que se enmarcaron algunhas das desenvolvidas onte en espazos como o Liceo de Ourense, La Molinera e o Auditorio.

A sociedade cultural ourensá serviu de escenario para as máis de oitenta reunións que mantiveron os vinteoito produtores e institucións que participaron no terceiro Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia. Na presentación do foro, promovido por Agadic e ICA (Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal) o director da axencia galega, Jacobo Sutil, lembrou que a cita do OUFF se ten convertido «na necesaria plataforma para afondar nas relacións entre os sistemas audiovisuais galego e luso, tanto no eido institucional como profesional». Sutil tamén se referiu a que «situar esta xuntanza como unha actividade dentro do OUFF facilítanos a posibilidade de sumar esforzos para a proxección internacional do noso cinema e implica activamente á Xunta na filosofía do festival de lle sumar á carteleira de proxeccións sinerxías de traballo dinamizadoras do sector audiovisual en toda a súa extensión».

No Auditorio, no foro de posprodución para longametraxes en proceso avanzado -Áncora-, presentaron os seus proxectos Alberto García e Diana Toucedo. E en La Molinera impartiu Federico Rasenberg un obradoiro de efectos especiais físicos para adultos.

A xornada dominical inclúe un debate cos directores arxentinos e varias presentacións de películas

A primeira edición da iniciativa do OUFF para apoiar as películas en posprodución terá continuidade hoxe coa presentación de dous dos proxectos seleccionados. Trátase de Hamada, de Eloy Domínguez Serén, e Campo, de Thiago Hespanha.

 

 

No Café & Pop Torgal, ás 12.00 horas, haberá un debate no que participarán os realizadores arxentinos Alejo Moguillansky, Mariano Llinás e Florencia Romano e membros da asociación galega de directores e realizadores CREA. A convocatoria leva por título Outra vez a voltas co financiamento do cine independente: o non-modelo arxentino.

 

As proxeccións programadas para hoxe contarán coa presenza de varios directores. Nos cines do centro comercial Ponte Vella estará Mariano Llinás ás 17.00 horas no pase de La flor (primera parte). No mesmo espazo tamén contarán, ás 19.30 horas, coa realizadora Carmen Bellas no pase da súa cinta Una vez fuimos salvajes e ás 22.15 horas Charly Braun presentará Vermelho russo.

 

 

 

Unha das directoras ás que se lle adica unha das retrospectivas, Jeannette Muñoz, estará no Cineclube Padre Feijoo ás 19.30 horas para presentar a sesión na que se proxectarán varios dos seus traballos.

O universo «desacougante» de Andrés Goteira e a súa película «Dhogs»

Andrés Goteira presentou a súa película no OUFF. O director do festival, Fran Gayo, lembrou que xa se negociara a presenza na pasada edición, aínda que non se materializou, e que logo o realizador galego viaxou ao Bafici de Bos Aires para presentar Dhogs. Goteira referiuse ao seu taballo como un traballo cunha narrativa que mestura varios xéneros pero que se podería definir como «unha viaxe da cidade ao deserto de día. Como unha road movie». Sinalou o realizador que a idea da película naceu cando traballaba en Edimburgo e «divertinme moito escribindo o guión, tivemos dificultades económicas e nin idea de como facer unha película. Aínda que ao final saímos adiante». Antonio Durán, Morris, sinalou que foi a súa primeira rodaxe no xénero fantástico e que sentiu tanto «desacougo ao traballar neste proxecto como o que sinte o espectador ao ver Dhogs».