«As persoas con trastorno autista procesan a información de xeito diferente»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Seu derradeiro libro profundiza nas técnicas para mellorar o proceso cognitivo das persoas con autismo

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O xoves 19 de outubro o salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación do campus ourensán acollerá la presentación del libro «Trastorno do espectro autista: procesamento perceptivo-cognitivo mediante a creación de redes semánticas», editada por Pirámide en formato papel e e-book. Este estudo é obra de Manuel Ojea Rúa, catedrático de Orientación Educativa, profesor- investigador da Universidade de Vigo, e membro da Comisión Técnica de Atención ao Estudantado con Necesidades Educativas Especiais desta universidade.

-¿Canto tempo leva traballando neste libro?

-Tres anos. A intención é que fose un libro teórico práctico, como é o meu costume. Pero a editorial pensou que se saía moi de man e dividiuse nun compendio teórico, que é esta publicación, e unha segunda parte na que se amosa como aplicar na práctica esta teoría. Aínda non hai data para a publicación de ese desenrolo do programa pero gustaríame que non tardase moito.

-¿Que novidade presenta o estudio que reflicte esta publicación?

-Ademais dos procesos de diagnóstico que son claves para poder detectar a posibilidade de ter un trastorno de espectro autista, a novidade que plantexa ten que ver coa consideración cognitiva do propio trastorno. Cando vemos a unha persoa con TEA, podemos observar dificultades ou limitacións de interacción social, ou de comunicación ou estereotipias de tipo social ou calquera outra manifestación externa que pode chamarnos a atención. Estamos afeitos no ámbito terapéutico a traballar eses compoñentes externos, e iso hai que facelo, seguilo facendo utilizando as estratexias educativas adecuadas. Pero o que viña observando é que, a pesar das melloras que con esas técnicas se lograban nos nenos incluso de maior nivel, e a pesar da maior levedade do trastorno en nenos moi ben traballados que chegan incluso a interactuar, seguen presentando unha limitación importante na forma de enfrontarse ó mundo. Estes nenos teñen unha forma particular tanto de recibir a información como de procesala. Todo isto deu lugar a por en marcha unha serie de investigacións para tratar de entender como procesan a información estas persoas e en consecuencia poder avanzar en mellorar nese aspecto. Intentamos abundar en qué pasa por dentro.

-¿E que pasa concretamente?

-Ten unha causa xenética. Existe como unha disfunción no proceso de interconexión neuronal entre as redes de información. Eu recibo unha información pero si teño TEA cústame moitísimo relacionala coa que xa tiña adquirida de antes, de maneira que queda como illada e se van formando como departamentos estancos. Por máis que nas terapias intentábamos axudar, o problema era de tipo central, no cerebro. Chegamos á conclusión de que o que temos é que buscar formas de interconectar o máis posible esas redes parciais de información.

-¿Como se fai?

-En poucas palabras e de forma coloquial, o que temos que facer é colocar entre a información nova e a xa adquirida anteriormente outro elemento. É o que denominamos sinal ou mediador, e sirve de aviso para logo recuperar eses novos conceptos e á vez relacionalos co aprendido. As persoas con TEA non crean eses nexos, esas chaves, entre outras cousas porque reciben o estímulo de forma parcial, non significativa. Teñen unha forma totalmente distinta de percepción. Na asociación tiñamos por exemplo varios nenos que se habían atascado no desenrolo conceptual, e que agora, utilizando este programa, foi posible seguir avanzando con eles.

-¿Leva moito tempo traballando nesta teoría?

-Nun libro que saquei no ano 2004 sobre o síndrome de Asperger na universidade xa se ía conformando este campo teórico. Naquel momento eu entendía que era necesario relacionar os contidos, o novo co vello; pero non me imaxinaba que era necesario ademais unha actividade que se convertera nunha especie de chave, de sinal, para lograr que recuperen esa información anterior e así poidan relacionar ambas informacións.

-¿Pensa que este pode ser un camiño definitivo para mellorar no procesamento da información e a aprendizaxe?

-Entre os que participaron responderon todos con avance, aínda que non todos igual; pero con respecto ó grupo de control, con nenos cos que non se aplicou este programa, as diferenzas foron moi significativas.