O festival de Ourense aposta polo cine galego e o iberoamericano

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O OUFF pasará en primicia imaxes da nova película de Oliver Laxe

12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival de Cine Internacional de Ourense reformulouse nunha edición de circunstancias, a do 2016, da man do daquela programador do Bafici de Bos Aires. E na convocatoria deste ano, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, o equipo dirixido por Fran Gayo reforza a súa aposta polas seccións a competición -Cine Iberoamericano e Óperas Primas- ao tempo que se reivindica como o espazo de referencia para o cinema galego -entre as 77 cintas da programación do OUFF hai 15 galegas e no certame poderanse ver en primicia imaxes da nova película de Oliver Laxe-. Unha declaración de principios que terá protagonismo na xornada inaugural, coa preestrea de Trinta lumes, de Diana Toucedo. A programación do OUFF 2017 deuse a coñecer onte nunha rolda de prensa na que participaron representantes do Concello de Ourense, Deputación e Agadic.

O novo esquema do certame amplía o abano de seccións dedicadas aos novos realizadores, aos directores emerxentes, ás miradas diferentes... e todo iso figura nos apartados Síntomas, Manifestos e Extramuros. Os Focos estarán dedicados neste OUFF ás retrospectivas protagonizadas por Mariano Llinás -que estará en Ourense e cuxo ciclo se poderá ver despois no CGAI-, Marília Rocha e Jeannette Muñoz e no 2017 o reto do festival, segundo sinalou onte Fran Gayo, pasa por involucrar máis á cidade e aos espectadores do futuro. Así, o festival desenvolverá unha ampla oferta de actividades paralelas que vai dende os concertos aos obradoiros -cinco, entre os que figura a clase maxistral de Federico Ransenberg sobre efectos especiais- ou os encontros na Universidade de Vigo. Héctor Fáver presentará o filme Lesa Humanitat aos alumnos do Campus de Ourense.

Portugal-Galicia e fotografía

O OUFF, que concedeu o premio Cidade de Ourense ao programa Cine en curso, acollerá a terceira edición do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia. Trinta empresarios e entidades participarán nas xuntanzas para buscar socios para desenvolver proxectos audiovisuais.

O certame xa ten aberta ao público a mostra Platea, onde corenta fotógrafos de recoñecido prestixio, de Madoz a Ouka Lele, aportan a súa visión sobre o cine.