O OUFF terá ciclos de Mariano Llinás, Marilia Rocha e Jeannette Muñoz

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

cedida

O festival aposta por dar continuidade aos seus «focos» sobre os realizadores

12 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) abría unha nova etapa o pasado ano, coa incorporación de Fran Gayo como responsábel da dirección do certame, e daquela poñía en marcha unha iniciativa -a sección de «focos»- que tiña como obxectivo facer retrospectivas sobre o traballo de realizadores. Tanto no caso de directores cunha ampla traxectoria como no de xente de menor percorrido profesional, máis cunha obra merecente de formar parte desta nova sección.

Dende a organización do OUFF adiantouse onte que Mariano Llinás, Marilia Rocha e Jeannette Muñoz serán os protagonistas das retrospectivas que se incluirán na programación do festival deste ano.

Llinás viaxará a Ourense

O certame, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, aposta con estes ciclos «por dar a coñecer a riqueza e diversidade das cinematografías iberoamericanas, trazando un mapa histórico fílmico que contempla unha perspectiva de xénero e unha mirada que traspasa as fronteiras do mercado». Na obra do arxentino Mariano Llinás, segundo se lembra dende o festival, conviven ficción e realidade, fotos, imaxes de arquivo -reais ou manipuladas-, literatura escrita, oral ou en imaxes: «O

relato total

de Mariano Llinás é dunha radicalidade realmente sinxela.

Balnearios

,

La más bella niña

,

Historias extraordinarias

ou os seus guións xunto a Santiago Mitre (

Paulina e A Cordilleira

, que chegará á carteleira nas próximas semanas) envólvennos nun bulebule de ideas -fondas, insólitas, sempre enxeñosas- coa emoción e o pulso do relato popular (o thriller, o western, a comedia, a intriga...)». Ten participado en festivais por todo o mundo e estará en Ourense na súa retrospectiva, e para presentar a primeira parte de

La flor

.

Memoria e cine experimental

O foco de Marilia Rocha incluirá as catro longametraxes da realizadora brasileira. A directora incide co seu traballo na memoria histórica, a través de lembranzas, imaxes e relatos persoais dalgunhas das comunidades brasileiras esquecidas «polos dispositivos cinematográficos». No caso da chilena Jeannette Muñoz a súa canle de expresión pasa polos 16 mm. e o cine experimental. Destaca no seu traballo a serie

Envíos

, colección de cartas fílmicas sen retorno coas que reflexiona sobre a súa experiencia.