Mirando fochancas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE CIUDAD

31 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte puidemos ler que «Fomento revisará la red viaria para comprobar el efecto de la crisis en la conservación del firme». E despois no texto explicábase que o Ministerio acaba de licitar un contrato para «la auscultación de las características superficiales de los pavimentos de la red estatal». Resumindo, que Fomento recoñece que pode ser que as estradas estean nun estado tirando a malo despois de anos cunha inversión mínima. ¿E vainas arranxar? Non (polo menos de momento non). Contrata a unha empresa para que mire como está a cousa e xa despois ir vendo. ¿E logo as dirección territoriais non saben diso? ¿E as empresas de conservación non pasan ningún informe sobre como están as vías nas que traballan? ¿Acaso non se fai un seguimento do que se paga? E aínda máis, van mirar como está o «coeficiente de rozamiento transversal» que é o principal factor para medir o desgaste. Pois vaille dar a risa a quen lle toque medir o coeficiente ese na N-120... porque máis que desgaste do firme o que hai son fochancas que nalgúns casos van collendo un tamaño tan grande que ata se lles podería ir poñendo nome. O buraco que hai na nacional á beira do polígono industrial de Quiroga podería (por importante) estar patrocinado por algún taller ou unha marca de pneumáticos coa de rodas que alí van estragadas. E así en boa parte do recorrido desde Valdeorras a Monforte. Que coa leria de que nalgún momento haberá A-76 (esa autovía que máis que un proxecto parece unha inocentada), pouco se lle leva tocado á única estrada nacional que hai para chegar a Ourense.