«Fago un chamamento ás familias de artistas que teñan obra, para visibilizala»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O Concello traballa coa previsión de retomar as xestións para conseguir a ampliación do Museo Municipal, que dirixe Eva Torres

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco se asemella o escenario existente en materia de espazos expositivos da cidade ao que había cando Eva Torres se incorporou como directora do Museo Municipal de Ourense vai xa para trece anos. A suma de novas referencias, a creación dun centro para a obra de Arturo Baltar ou a reivindicación de lugares que non estaban aproveitados como espazos expositivos foi artellando unha rede municipal que xestiona Eva Torres. O Museo abría hai uns días de novo ao público logo de seis meses en obras -«A primeira vez que se pechou nos seus case trinta anos de historia»-. Logo de equipalo cun ascensor, que garante a accesibilidade a todas as plantas do edificio, retomaba a súa actividade coa mostra Tempo, de Isabell Seidel.

-Fixéronse obras para dotar ao Museo dun ascensor. Que mudou neste tempo?

-Non cambia nada e cambia moito. Era un proxecto polo que levabamos agardando moito tempo. No 2007 xa conseguiramos adaptar o edificio con ascensor para discapacitados, fora un logro moi importante e o acceso quedara resolto ao 100 %. Logo cambiou a normativa e non se permitiu empregar ese elevador, quedando como montacargas para servizo do Museo. Cambiar non cambia nada co ascensor, pero muda todo porque contamos con accesibilidade a todas as plantas. Para nós o cambio de escenario é total.

-Xestiona varios centros expositivos. Cal é a tipoloxía que os caracteriza?

-O Museo é un espazo recoñecido e cunha seriedade e implicación artística contrastada. Traballamos como tal, así aparecemos nas guías de museos, e intercambiamos obras -temos preto de 1.300 en almacén- con diferentes centros de Galicia e do resto do Estado. A Sala Valente é un espazo máis amplo e aberto, con luz natural, que admite formatos diferentes e dedicado a arte contemporánea. Tamén mostras institucionais, itinerancias e nesa liña. Ao Auditorio queremos darlle máis importancia: é unha zona inmersa nun contenedor doutro tipo de cultura e o escenario ideal para que a xente teña unha oportunidade e un lugar onde dar a coñecer a súa obra. Logo está o museo de Arturo Baltar, o único de Ourense dedicado exclusivamente a un artista, e logo están as rúas da cidade, que tamén acollen mostras. Daquela son cinco espazos expositivos municipais, que non paran.

-O Museo exhibía na última planta o legado de Prieto Nespereira, que agora non está. Vaise amosar noutro lugar?

-Hai anos que se promoveu un acordo para unir as fundacións Julio Prieto Nespereira e Casdemiro Julio Francisco Ogando Vázquez-Juliana Otero. Nese convenio xa se especificaba que a obra de Prieto Nespereira se ía expór na Fundación Ogando, e alí está depositada neste momento.

-Hai meses que se subscribiron acordos para a cesión de dous murais de Prego e recentemente o Concello incorporou dúas esculturas de Faílde. Traballan con outros artistas na actualidade?

-Como xa se anunciou naquel momento instalaranse catro obras de Faílde ao Botánico de Montealegre. Tamén estamos a traballar coa familia Prego para que, a través de comodatos, se poda amosar en espazos públicos a súa obra. Barallamos máis nomes, aínda que por agora non se pode adiantar nada, e o que faría é un chamamento ás familias de artistas que teñen obra que valoren a posibilidade dun convenio deste tipo, porque daquela poden darlle visibilidade e promoción á obra.

-Hai anos que se negociou para ampliar o Museo, aínda que non se chegou a un acordo. Está desbotada esa posibilidade?

-No seu momento non houbo consenso entre as partes e quedou todo como estaba. Falando a pasada semana co alcalde comentou que se vai tentar recuperar ese expediente. É una casa moi pequeniña aínda que a nós daríanos unha amplitude tremenda.

«Gardo especial recordo da primeira mostra dos nosos fondos»

Dende o seu despacho no faiado do museo da rúa Lepanto, entre obras de arte e vedraño mobiliario que dá conta do traballo de bos ebanistas, Eva Torres coordina o que se está a facer nos espazos expositivos da cidade de Ourense. Os tempos mudaron e hai que promover iniciativas que se acheguen ao que demanda o público.

-Hoxe en día un Museo cunha exposición permanente non tería sentido, e máis co tema das redes sociais e coa diversidade que quere ver a xente. Daquela estamos a mover os fondos e, a maiores, facendo exposicións temporais -sempre tendo en conta os referidos fondos-.

-E apostando polos escolares.

-Si. De setembro a xuño traballamos moito cos colexios -e que sexa a mesma concelleira a que leva Educación e Cultura tamén facilita moito as cousas-. Temos visitas guiadas ás mostras, obradoiros cos artistas, deixámoslle espazo para que mostren as súas obras e no verán facemos campamentos de traballo .

-O legado de Quessada que se expón en Vilamarín será retirado para crear alí o Museo da Emigración. Haberá finalmente un acordo co Concello de Ourense?

-Hai tempo xa se anunciou un convenio con Cultura para dotar unha zona no complexo de San Francisco. Daquela supoño que será alí onde se expoña a obra de Quessada.

-Con que se queda destes anos e que lle gostaría ter desenvolvido.

-Gardo especial recordo de cando fixemos a primeira exposición de fondos -moitos artistas non lembraban obras que tiñan aquí no Museo-, a mostra de César Prada e Felipe Iglesias -na inauguración non collía a xente, había máis de 800 persoas- e a de Roberto Verino -fóra un récord de visitantes-. Ampliar as instalacións e facer una mostra dos artistas ourensáns, dos consagrados aos que o serán, son iniciativas pendentes.