Reivindicación de Ben-Cho-Shey

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O exdirector de Promoción e Difusión Cultural, Paco López-Barxas, da Xunta traballa nunha obra con material inédito do intelectual ourensá e ultima un proxecto sobre Otero

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda de bolos Paco López-Barxas co seu novo traballo. Confieso que he leído foi presentado na Feira do Libro de Ourense o pasado día 3 e onte o seu autor estivo asinando exemplares da obra na Selic da Quintana -a Semana do Libro de Compostela que se celebra estes días na capital de Galicia-. Nesta nova publicación, con limiar de César Antonio Molina, o xornalista e escritor recolle un cento de críticas literarias realizadas ao longo da súa carreira profesional. Marcouse como criterio que houbese representación de autores galegos, da literatura española e da universal a partes iguais. Aínda así matiza: «Obviamente o criterio foi facer unha selección das críticas realizadas en 35 anos adicado ao xornalismo cultural e aínda que a representación é dun terzo para cada apartado, sempre se poden facer precisións. É dicir, que entre outros figuran Emilia Pardo Bazán, Valle-Inclán, Wenceslao Fernández Florez, Torrente, Cela ou Carlos Oroza, que son escritores en castelán pero tamén son galegos».

Confesa con sorna Paco López-Barxas que para un xubilado coma el, enténdase cunha manchea de proxectos e inquedanzas, «non hai día libre». Os últimos anos da súa carreira profesional botounos en postos de responsabilidade política -director xeral no primeiro goberno de Feijoo na Xunta e logo asesor cos conselleiros de Cultura Jesús Vázquez Abad e Román Rodríguez- «e daquela non era do caso que exercese esas responsabilidades e, ao mesmo tempo, escribise e publicase. Agora, que xa non se dan esas circunstancias, é cando estou a traballar en proxectos que tiña pendentes ou en propostas como a escolma que se recolle neste libro». Sinala que nunca se prantexou a crítica como proceso academicista: «Sempre a vin como un medio para ofrecer ao lector a información suficiente para que se interesase por unha obra. Se a min, como lector, non me emocionaba o traballo, non lle facía a crítica ao libro».

Defínese López-Barxas como un «arraiano de Ponte Barxas e Verín», naceu na primeira localidade e de neno marchou coa familia para a vila do Támega, e logo do seu paso polo Seminario de Ourense e de licenciarse na Complutense en Literatura Hispánica botou 21 anos en Madrid exercendo a docencia e o xornalismo cultural en diversos medios. Volve a Galicia en 1991, a dirixir o Xornal Diario de Pontevedra, e logo estivo vencellado ao Consorcio de Santiago de Compostela, á TVG e á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Na nova etapa pola que camiña, a da recente xubilación, conta con varios proxectos xa en carteira. Un deles xa o avanzou hai anos, aínda que o foi aprazando polas responsabilidades oficiais, e ten unha esencia fondamente ourensá. «Estou preparando un libro sobre Ben-Cho-Shey para dar a coñecer facetas del que están inéditas. Son cousas que me deixou; pequenos manuscritos e comentarios literarios e tamén quero publicar as súas fotografías inéditas -con Risco e con outros autores, en encontros e noutras actividades- e unha selección da correspondencia, con cartas de Otero Pedrayo, Cuevillas, Pura Vázquez, Chivite, Xesús Carro, Piñeiro e outras persoas. Vai ser unha especie de homenaxe a Ben-Cho-Shey, que creo que é un personaxe que está totalmente esquecido. Tamén estou a preparar un conto ilustrado sobre Otero, coa intención de publicalo no vindeiro ano, no que se cumpre o 130 aniversario do seu nacemento, e outras iniciativas».

Ao neno López-Barxas quedoulle gravado o espazo da cidade que forma parte da súa vida. En 1964 gañou o concurso provincial de catecismo de 3º grao -o de 2º levouno Castor Gago-. No primeiro andar do edificio do que é na actualidade o colexio da Purísima entregoulle o premio monseñor Temiño: «Un diploma acreditativo, unha reprodución da inmaculada de Murillo -que me caeu ao chan e escachou alí mesmo- e 500 pesetas. As cincocentas pesetas que me serviron para mercar o colchón e poder ir interno ao Seminario. Porque era así, había que levar o colchón senón non podías entrar. E iso permitiume cursar alí».