«A Aldonza Lorenzo negáronlle a súa identidade facéndoa Dulcinea do Toboso»

OURENSE CIUDAD

cedida

A actriz chega mañá a Ourense coa compañía eme2 e a montaxe «La novia de don Quijote»

08 jun 2017 . Actualizado a las 20:14 h.

Hoxe • 21.00 horas • Teatro Principal • 8 euros • Ao teatro ourensán chega este venres a montaxe «La novia de Don Quijote», unha proposta escénica de eme2 creada a partir da dramaturxia de José Luis Esteban e baixo a dirección de José Carlos García. No escenario só unha actriz, Mercedes Castro, que dá vida a Aldonza Lorenzo, a moza do sempre lembrado cabaleiro da Mancha. Ela quere reivindicarse: só sae en media ducia de páxinas, aínda sendo unha das protagonistas, e por riba figura como Dulcinea do Toboso.

 

-Como nace a proposta?

-Apetecíame volver a traballar digamos que nun unipersonal, e fixémoslle un encargo a un amigo que traballa fundamentalmente cos clásico, que é José Luis Esteban, e foi el quen nos propuxo abordar este personaxe: a Dulcinea do Toboso, do «Quixote». E como director apetecíame traballar con José Carlos García, da compañía O Chapitô de Portugal, e así foi como naceu a montaxe.

-A aposta do autor pasa por centrar o foco na noiva do cabaleiro andante?

-O obxectivo é darlle voz a esa Dulcinea que sae tanto na novela do «Quixote», e que é tan protagonista, aínda que pouco máis que aparece nunhas páxinas -para empregala para os lances e na necesidade de avanzar na obra-. Ela fai un pouco esa reclamación e deixa patente a queixa por esa usurpación da súa realidade: é Aldonza pero lle negan a súa identidade facéndoa Dulcinea do Toboso. Tamén se incide nesa carga que, ao final, levamos sempre -ou case sempre- as mulleres.

-O obxectivo é dar maior visibilidade ás mulleres?

-Iso é o que se refrexa ao longo da montaxe. É un espectáculo moi visual, con ritmo e con ironía, e fisicamente sae Aldonza moi cargada con cousas da súa vida e vaise desprendendo delas, física e metaforicamente, ao longo da representación.

-Ser a moza do Quixote marcou a súa vida?

-Obviamente. Como era a moza de alguén ninguén se achegaba a ela, nin o propio Quixote porque os cabaleiros andantes sempre están moi ocupados. Ela manifesta que a súa vida sentimental é un desastre e queixase por saber que vai ser da súa vida agora que o Quixote morreu.