Ourense programará actos sobre Carlos Casares durante todo o ano

As propostas centrais das Letras Galegas densenvolveranse entre os días 12 e 17


ourense / la voz

A cidade de Ourense síntese especialmente orgullosa de que un fillo predilecto da mesma sexa o protagonista do Día das Letras Galegas e o Concello desenvolverá actividades arredor da figura e da obra de Carlos Casares durante todo o ano. Ata finais de decembro. Así o aseguraron onte o alcalde e a concelleira de Cultura, Jesús Vázquez e Belén Iglesias respectivamente, á hora de presentar os actos centrais da celebración do 17 de Maio. A programación deuse a coñecer onte no Concello de Ourense nunha convocatoria na que tamén participou Xavier Casares, presidente da fundación que mantén viva a memoria do escritor.

Estrea da adaptación teatral

As propostas comezarán o día 12 coa estrea que Talia Teatro fixo da obra

Os mortos daquel verán

. A representación será no Auditorio de Ourense (20.30 horas).

Na Praza de San Martiño, neste caso será o día 15 e encetará ás 11.30 horas, desenvolverase unha actividade dirixida aos escolares que estará a cargo de Raquel Queizás. O 16 será o día central das propostas de Ourense -o 17 de Maio a Real Academia Galega e a Consellería de Cultura desenvolverán os actos institucionais en Xinzo- e haberá un acto oficial en homenaxe a Carlos Casares no Concello ao mediodía. Ás 13.30 horas descubrirase a placa na súa memoria no Liceo e ás 20.30 horas celebrarase o Concerto das Letras no Auditorio. No Centro Cultural José Ángel Valente está aberta ao público a mostra Os mundos de Carlos Casares e diante do edificio desenvolveranse as citas do Días das Letras. Ás 11.30 horas comezará o roteiro sobre o autor; ás 12.00 haberá música e maxia para rapaces e ás 13.00 horas a actuación de Emilio Rúa e Caneiro.

Monográfico da revista Raigame con novas achegas sobre a figura e obra do escritor

Carlos Casares é o protagonista absoluto do cuadraxésimo número da revista Raigame. A publicación inclúe un monográfico sobre o autor ourensán que contén 18 colaboracións escritas e fotografías que repasan as distintas facetas de Casares, o escritor, o editor, o columnista ou o biógrafo. As pezas que compoñen esta edición seleccionáronse buscando persoas que fosen contemporáneas do autor, pero máis novas, para garantir unha certa distancia e visión crítica. A presenza de moitas voces femininas -como Alba Cid o Iolanda Galanes- foi outro dos criterios, explicou o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido.

Garrido e o director da revista Raigame, Xulio Fernández Senra, deseñaron os contidos dun monográfico de 166 páxinas do que se distribuirán 700 exemplares en centros culturais, educativos e en concellos, entre outros organismos, detallou o presidente da Deputación, José Manuel Baltar.

A institución provincial costea, con doce mil euros, a publicación deste número, que Baltar considera «unha xoia». O presidente da Deputación avanzou que a calidade deste traballo merece que sexa editado en libro de tapa dura. «Nestas páxinas podemos descubrir cousas interesantes e novidosas, como a entrevista a Bieito Iglesias na que di que Casares o animou a escribir Miss Ourense», dixo Baltar. O presidente da Deputación engadiu que hai que reivindicar o «legado de Casares» cada día, máis alá do que se faga nos actos do 17 de maio que terán como epicentro Xinzo de Limia.

Xulio Fernández Senra, director de Raigame, agradeceu o esforzo da Deputación para editar esta revista e a implicación e «traballo rigoroso» da Fundación Carlos Casares. Pola súa banda, o seu presidente, Javier Casares, gabou á revista tanto pola dedicatoria monográfica ao autor como por contar coa fundación para os contidos, que se pensaron con vocación de estar vixentes varios anos. O irmán del homenaxeado considera importante a idea, que xurdiu na presentación de onte, de editala como libro. Será algo que teña que aprobar o consello asesor de publicacións da Deputación, pero José Manuel Baltar considera que apoiará a proposta.

Barbadás enceta as súas actividades con «babacontos» nos colexios

Durante todo o mes o Concello de Barbadás desenvolverá propostas vencelladas co protagonista das Letras Galegas. O programa ábrese hoxe cos Babacontos con Carlos Casares, unha montaxe de Larraitz Urruzola. Ás 11.00 horas estará no colexio O Ruxidoiro e ás 12.30 horas no Filomena Dato.

O 12 de maio haberá un concerto de homenaxe a cargo de Xardín Desordenado e o 16 unha sesión de maxia a cargo de Leo Leíño.

Yolanda Castaño protagonizará un recital poético multimedia o día 19 e o 21 de maio haberá un concerto das bandas de música xuvenís de Silleda e Barbadás. Maquinarias Teatro pechará o programa o día 26.

Mulleres e nenos fan murais coa figura do autor

A federación de asociacións de mulleres Anaral de Terras de Trives, en colaboración cos centros educativos e a Fundación Carlos Casares, fixo unha serie de murais sobre a figura do autor que serán levados polos diferentes colexios ata o próximo día 15. Nesa xornada, na Pobra de Trives ás 11.30 horas haberá unha ofrenda no monolito de Carlos Casares. Tamén ese día se fará entrega dos premios da certame de relatos curtos, no que participaron 15 persoas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ourense programará actos sobre Carlos Casares durante todo o ano