«Nada me gustaría máis que ver á xente nova volver ás aldeas»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Iago Corral fíxose hostaleiro para poder desenvolver a súa paixón pola cultura

17 abr 2017 . Actualizado a las 17:19 h.

Iago ten a metade do seu corazón en Ourense e a outra metade en Sober, de onde son os seus avós e a onde escapaba cada fin de semana, e dende o primeiro día de cada período de vacacións escolares. Alí forxou amizades profundas e dúas condicións do seu carácter que o levaron a ser como é e a facer o que fai: espallar cultura dende un espazo hostaleiro coa filosofía de servir de escaparate ó que se asomen dende músicos a pintores pasando por outros moitos artistas que non entran nos circuítos convencionais.

-¿Cando estudou Empresariais era isto o que tiña en mente?

-Eu sempre quixen traballar para min mesmo. O meu avó tiña unha pequena tenda na que arranxaba televisores e radios e alí pasaba eu moitas horas. Vía que gozaba traballando porque facía o que lle gustaba e como el cría que debía facerse; non tiña a ninguén por riba impoñéndolle outra cousa. Por iso sempre quixen ter algo propio, aínda que fose pequeniño, e o que a min me gustaba era a produción musical e cultural. En principio cando falas de empresa a xente imaxina grandes imperios e xente con moitos cartos. É un termo estigmatizado, como o de empresario.

-¿Cal é o seu soño de futuro?

-Eu nunca aspirei máis que a ter algo que me permitise vivir e, a ser posible, viaxar para acudir a ver o que neste mundo da música e da cultura se fai noutros sitios do mundo. Hai xente que se mete en grandes proxectos e pide préstamos de moitísimos cartos e ó final non ten tempo para facer ben as cousas e acaban cunhas débedas terribles e pechando. Eu prefiro ir pouco a pouco, estar tranquilo e o meu desexo no futuro sería ter un proxecto similar no rural e que houbese xente para gozalo. Nada me gustaría máis que ver cómo a xente volta para as aldeas.

-¿De onde lle vén o gusto pola música?

-Supoño que o mamei en Sober. Alí hai unha longa tradición, historicamente case todos os rapaces pasaban pola escola e aínda que na miña xeración xa non era tanto de tocar na banda tradicional porque nos gustaban outras cousas e éramos máis punkis e máis roqueiros, esa paixón pola música e esa enerxía e atracción por tocar seguía viva nos que eran os meus amigos. Con eles empecei a experimentar. Montabamos grupos e incluso chegamos a organizar un festival, que lle chamamos Castaña Rock, con apenas quince anos. Despois montamos outro, a Festa dos Muíños, co que queríamos darlle un pouco de vida a unha rota que levaba a construcións que se recuperaran no seu día cun campo de traballo pero que, como pasa con frecuencia, como non se lles deu promoción estaban esmorecendo, abandonados de novo.

-¿Cómo xurde El Pueblo?

-Empezamos en Samuel Eiján hai tres anos. Queríamos seguir os movementos que empezaron en Galicia con La Casa Tomada, que agora é La Nave, ou con El Liceo Mutante de Pontevedra e darlle continuidade en Ourense con algo similar. Empezamos cunha produtora, que chamamos Discos Porno na que estaba Teo, que é ilustrador, e David Babarro, que é un músico incrible. Eu daquela estaba vivindo en Oporto e incorporeime pouco despois. Fixemos varias reunións con outros colectivos da cidade para ver as posibilidades de facer algo similar ó Liceo Mutante. Pero as reunións derivaban noutros temas que nada tiñan que ver con traer cultura distinta e nun espazo de convivencia para a cidade. Foi cando pensei no café, para ter un lugar no que darlle soporte. O certo é que aquel primeiro estaba nun soto e era pouco accesible. Hai un ano que por fin xurdiu a posibilidade de trasladalo ó casco histórico, nun local con luz natural e nun entorno que encaixa mellor co que quería.

-Pero non todo é música en El Pueblo.

-Non. Temos exposicións, proxectamos películas co cineclub, hai performance e incluso temos xa dúas ligas para o trivial creado por Pablo Grande, que é un dos maiores talentos que coñezo.

 

Estrea un selo discográfico co que dar saída ó traballo de novos creadores

Iago é consciente de que no momento económico actual todo o que soa a cultural é sinónimo de traballar «en precario». A súa filosofía segue a ser que o que saca da barra do local serve para «poder seguir traendo cousas distintas para o público ourensán e para darlle o pulo que precisan estes artistas e as bandas que pasan por aquí». Pero o afán deste mozo pola música non remata nas iniciativas que desenvolve no establecemento que ten na rúa Hernán Cortés. Está a punto de presentar un selo discográfico co que pretende sacar producións propias. «Chamarase Molho, e arranco cunha referencia que se chama Mounqup, que é unha rapaza francesa que vive en Saumede, no Concello de A Bola; unha artistaza incrible», matiza. Sabe que o novo proxecto sacaralle aínda máis tempo libre para os seus. «Teño moito que lle agradecer pola súa paciencia á miña parella e á familia, que o sofren», sinala.

DNI. Afeccións.

Quen é

DNI. Iago Corral Feijoo naceu en Ourense en 1985. Empezou a estudar Empresariais en Ourense pero finalmente trasladouse ata A Coruña para licenciarse en Dirección de Empresas.

Afeccións. A súa paixón é a música. Toca varios instrumentos -el di que só de xeito mediocre-, pero sobre todo goza acudindo a concertos e escoitando discos. Ten amplas miras e asegura que lle gusta escoitar moi distintos estilos. Tamén o fan gozar os paseos, sobre todo se os pode facer na compañía da súa parella, un afeccionado á fotografía.