«?Desconhecido? é a historia dunha vida fóra do normal»

OURENSE CIUDAD

cedida

Berlai presenta esta noite no Auriense o primeiro traballo da formación liderada por Xiao Berlai

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No café cultural Auriense presenta esta noite Berlai o seu primeiro disco, que leva por título «Desconhecido». A cita será ás 21.30 horas e no local da Praza do Correxidor poderase coñecer o novo proxecto musical de Xiao Berlai, excompoñente de Fía na Roca. No traballo «Desconhecido» mestúranse música, poesía e narrativa ilustrada -o cedé vai acompañado dun libro realizado polo creador Ernesto G. Torterolo-. Durante o concerto o autor do cómic irá desenvolvendo o seu traballo ao tempo que o grupo dá a coñecer os temas do disco. Neste proxecto Xiao Berlai está acompañado por Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).

-Como xurde esta nova proposta musical?

-Dunha maneira do máis natural. Cando aínda estaba en Fía na roca decidín facer unha canción en honor a un familiar que tivo unha vida fóra do normal. Non tiña pensado facer nada con ela, ata que tres ou catro anos despois -no 2014- vin que podía contar a historia do «Desconhecido» a través de cancións. É unha obra aberta na que os temas suxiren a súa vida.

-O traballo preséntase como unha historia real «dun home solitario que preferiu vivir e morrer só porque non lle deixaron vivir como el quería».

-A poesía, a música e o cómic aportan as referencias dende a ambigüidade para falar desa realidade. Este familiar tivo unha vida onde as cousas non lle foron como el quería, e decidiu vivir dunha maneira determinada. «Descoñecido» fala de rebeldía e de liberdade. Sobre todo da rebeldía coa que esta persoa se enfrontou á vida que lle tocou en sorte.

-Por que optou por desenvolver o apartado referido á ilustración?

-Cando xa tiña nove ou dez cancións feitas chamei a Ernesto e el foi o encargado de contar a historia en imaxes. Daquela a xente pode escoitar e ver, esa é a nosa aposta. Quería que se vise dende o primeiro momento que neste cedé hai unha historia. En principio traballamos coa previsión de unha ou dúas ilustracións por tema, aínda que logo xurdiu a necesidade de aproveitar a ilustración para contextualizar mellor ao personaxe e á súa vida. E aí nace o libro, que non é simplemente unha representación do que din as letras.

-No Auriense presentarán o disco acompañados do autor do cómic. Cal será o papel de Ernesto G. Torterolo?

-En directo non fai cómic nin o obxectivo é reproducir as ilustracións do libro. El realizará o seu traballo e o que buscamos neste tipo de intervencións é que haxa unha narración ao final. E durante o concerto hai ese diálogo entre disciplinas e artistas que traballan dende campos diferentes.

-Onde continúa a xira?

-Non está prantexada como unha sucesión de concertos. Estivemos en Santiago e A Coruña, agora en Ourense. Nun mes faremos o seguinte.