«Os meus personaxes responden ao perfil de seres un tanto absurdos e ridículos»

OURENSE CIUDAD

NatashaLelenco

A artista moldava afincada en Galicia abre hoxe en El Cercano a súa mostra «Adopta un Señor Importante»

14 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve Natasha Lelenco a Ourense. Hai anos que decidiu pechar a súa etapa ourensá para mudarse a Fisterra, onde segue a desenvolver as súas propostas creativas. Entre outros traballos, en Ourense foi a encargada de fotografía da Mostra de Teatro de Ribadavia durante algúns anos, participou en varias iniciativas vencelladas coa actividade do IES A Farixa e no Outono Fotográfico -no 2014 creou unha instalación no estanque da Universidade-. Esta tade inaugura en El Cercano a mostra «Adopta un Señor Importante».

-Como nace a serie que agora chega a Ourense?

-Sempre gostei de facer retratos, de feito considérome retratista, e no anterior proxecto fixera unha serie de traballos sobre madeira. Agora decidín darlle continuidade, pero con outro corte e con pezas que son máis complicadas á hora de preparar a madeira porque non é un corrente. Son troncos de madeira cun corte transversal.

-Quen son os Señores Importantes?

-Son personaxes ficticios que responden a un perfil de seres un tanto absurdos e ridículos. Que se identifican con rasgos como a superioridade, a prepotencia, a vaidade ou a arrogancia, entre outros. Os Señores Importantes son seres que necesitan ser adoptados, xa que de non ser así rematarán no lume alá polo San Xoán.

-Non hai Señoras Importantes?

-No caso de Ourense vai haber unha. Non por nada en especial, é que dende que se puxo en marcha a xira da exposición -arrancou en xaneiro na galería La Doce, de Boiro- lévanse adoptado maioritariamente señoras. Creo cunhas doce. Daquela en Ourense só teremos unha representación simbólica. Tamén temos un bebé.

-E que fai a un cativo entrar na categoría da mostra?

-Neste caso e xa só por pertencer a unha familia importante e privilexiada. O meu Bebé Importante é militar. Para continuar con esa idea do absurdo que define este proxecto.

-Por que o lume como fin de traxecto?

-É unha acción simbólica que tenta incidir na reflexión acerca do valor das cousas. O criterio que máis rixe a arte é o que está relacionado cos valores do mercado e impón a súa lei. É o que decide que é un obxecto de arte e o que é só leña para queimar. Ao final do percorrido os Señores Importantes que non sexan adoptados serán queimados alá polo San Xoán.

-Queda tempo ata entón. Onde se van expór?

-Hai varios espazos de exposición por toda Galicia e tamén viaxarán a Madrid para ver quen os adopta.