O que non se nomea non existe

Ledicia Piñeiro TRIBUNA ABERTA

OURENSE CIUDAD

10 mar 2017 . Actualizado a las 11:32 h.

Oque non se nomea non existe... O que non se pondera se minimiza. Sabedes que hai 833 homes galardoados co premio Nobel e só 49 mulleres? Si, haberá quen pense, espero que os menos, que as mulleres somos máis pequenas, débiles e menos intelixentes, un saúdo de cinco dedos na cara para Korwin-Mikke. É un grave problema ter a cinco ou seis nostálxicos das seccións femininas fascistas, pero o máis problemático non é isto. É peor cando en nome do progresismo se silencia, se escurece e se omite.

O premio Clara Campoamor de Ourense, como moitas sabedes foi concedido este ano a un home. Este recoñecemento entregado sempre entorno ao 8 de marzo, é fundamentalmente un premio de recoñecemento a mulleres da nosa contorna, mulleres fundamentais na loita pola igualdade dende a diversidade directa ou indirectamente, si, pero principalmente para mulleres. O sentido de facer un premio para mulleres é meridiano, saldar unha débeda histórica, séculos de invisibilización e de condena ao ostracismo, non só das esquecidas da revolución francesa, das ignoradas da Marcha da Praza de Versalles, de Hipatia de Alejandría, de Mary Wollstonecraft, Ada Lovelance ou Rosa Parks, senón que tamén das da casa, as máis próximas e as máis esquecidas.

Un estudo, de Ana López-Navalla publicado pola Universidade de Valencia revela que só o 7,5% das figuras que aparecen nos libros de ESO son mulleres. Pero hai unha invisibilización aínda peor que a individual de cada figura relevante, esta é a invisibilización como colectivo. A escuridade coa que se explica o movemento feminista e as súas mulleres referente deixa moi as claras a transcendencia das relacións de poder e o desprezo patriarcal.

Xustamente nos premios Clara Campoamor deste ano, unha das posibles premiadas era unha muller activista do movemento feminista en Ourense, comprometida coa súa cidade en diferentes ámbitos e todo un exemplo do que o status quo patriarcal diría «así non», muller libre, activa e con voz firme. O argumento usado pola concelleira de Igualdade Sofía Godoy na súa contra foi «isto non é serio». Non lle parece suficientemente serio sacar a forza para coller un megáfono, contra todo orden establecido e falarlle a outras mulleres de opresión, loita, rabia con firmeza pero con alegría. Non lle parece suficientemente serio todo tipo de actividades e mobilizacións das que fai parte, furando cada día un pouco máis o heteropatriarcado dominante, abusivo e agresor. Non lles parece seria a brecha salarial, as agresións machistas, a liberdade sexual o dereito a decidir sobre a maternidade... Non lles parecerán serias entón Olympe de Gouges, as sufragistas, as heroínas do téxtil de Nova York, Rosa Luxemburgo ou Aleksandra Kolontái. Pode que algunha destas mulleres algún día foran candidatas ao premio Nobel e podería ser que alguén as rexeitara porque non era serio.

Ledicia Piñeiro é concelleira de Ourense en Común no Concello de Ourense