«Apostamos por un clásico para abordar temas actuais»

OURENSE CIUDAD

cedida

Voadora chega cun «Soño dunha noite de verán» que trata aspectos como a realidade de xénero

11 feb 2017 . Actualizado a las 20:08 h.

Hoxe • 19.00 horas • Teatro Principal • De 6 a 10 euros • A Ourense chega mañá a nova montaxe de Voadora. Unha proposta escénica chamada a marcar un fito na historia da compañía creada e xestionada por José Díaz, Hugo Torres e Marta Pazos. Voadora celebra os seus dez anos de historia e na súa vertente de apostar por unha relectura dos clásicos achegáronse nesta ocasión ao Soño dunha noite de verán. Unha proposta escénica na que participou o dramaturgo chileno Marco Layera e que conta, entre outros, coa produción da Mostra de Ribadavia. A dirección correu a cargo de Marta Pazos e entre os protagonistas figura José Díaz -produtor, realizador e músico-.

 

 

-Como foi a colaboración con Marco Layera?

-Moi boa. El está considerado o enfant terrible do escenario contemporáneo, con proxección mundial, e dende o grupo La Re-sentida apostan por un teatro moi político e reivindicativo. Neste caso mesturamos nun proxecto a visión canónica ou clásica -o amor, os celos- e unha máis revolucionaria e actual, que é a aportada dende a visión latinoamericana.

 

-Daquela quedaron satisfeitos coa experiencia.

-Forma parte do proceso que nós queremos desenvolver sempre, que é afrontar as propostas escénicas como un diálogo entre os que estamos implicados no proceso para tentar conseguir a mellor das visións posibeis.

-Por que Shakespeare?

-Xa fixemos hai dous anos outra montaxe do mesmo autor, daquela foi A Tempestade, e temos creado propostas con autores dos séculos XV e XV. Son sempre adaptacións moi libres de clásicos. A nosa aposta é por textos que son iconas pop, entendendo isto como obras populares que todo o mundo coñece ou ten referencias delas. Obviamente se un texto como o do Soño dunha noite de verán foi quen de manterse vivo 400 anos é que conta con elementos que o siguen facendo atrainte.

 

 

-Cal é a visión de Voadora?

-A obra orixinal céntrase nunha moza que non quere casar co home que lle impoñen. A partir de aí collemos esa realidade para revertela e falar doutros asuntos en clave máis poética, divertida e musical. Todo iso para afondar en temas máis profundos e actuais como a revolución feminista ou a realidade de xénero nuns tempos en que cada un ten o dereito de estar con quen quere e como quere.

-Incorporan a unha persoa nova transexual.

-Si. Somos oito actores e Paris Lacryma, que é a persoa que vai facer a xira connosco. O obxectivo é incorporar na montaxe a alguén de fóra do aparato escénico e da parafernalia do teatro, para aportar a visión das persoas da rúa.

-Teñen unha ampla xira.

-Case que trinta actuacións en Galicia. Logo haberá versión en castelán e faremos unha xira por latinoamérica.