«O universo é finito e no centro estamos cada un de nós»

OURENSE CIUDAD

OSCAR VERDECCHIA

O científico presenta esta tarde no campus de Ourense a conferencia «A que altura está o firmamento?»

09 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Jorge Mira Pérez, catedrático da área de Electromagnetismo do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago, está hoxe en Ourense. Ás 16.30 horas ofrece no campus a conferencia «A que altura está o firmamento?» -nome do seu último libro- e ás 20.30 horas participa en El Cercano na actividade «Noites con chispa». Mañá visita o IES García Barbón de Verín para ter un encontro cos seus alumnos.

-A pregunta parece obrigada. A que altura está o firmamento?

-Explicalo levaría unha conferencia enteira. Non so iso. Os homes levamos 2.500 anos preguntándoo. Foi unha batalla que empezaron a responder os gregos. O ser humano leva dende sempre dándolle voltas. É o equivalente a preguntarse que é todo iso?, de onde vimos? ou quen somos? É a pregunta fundamental que ten o ser humano. Curiosamente, por sorte para nós, acabouse de responder definitivamente hai poucos anos. Sempre foi tendo solucións parciais pero agora temos a última resposta.

-Cal é?

-O que xa se pode dicir é que hai un límite, unha altura máxima do ceo. O universo é finito.

-Úsase igual o termo ceo e firmamento?

-O firmamento é o espazo onde están situados os obxectos que ves dende a terra. O ceo é unha palabra máis ampla para que todo o mundo o teña claro. Neste caso son sinónimos.

-Por que os seres humanos estamos tan interesados en saber que hai no universo?

-Teño claro que todo o mundo e todas a xeracións que houbo neste planeta, nalgún momento reflexionaron sobre o que é a existencia. Sobre a orixe de todo. Tamén sobre que vai a pasar cando morra. Ou por que existo, que é a gran pregunta da humanidade. E tamén queremos saber como é o universo onde vivimos.

-Choca coa relixión?

-Pode chocar, porque un tende a pensar na imaxe do medievo cando o ceo era algo que estaba nas alturas. Pero curiosamente, o inventor do big bang foi un cura católico belga, que era físico. Era o principal experto na teoría da relatividade de Einstein. Unha das persoas que mellor aprendeu as súas ecuacións e que se decatou de que o universo tiña que estar expandíndose.

-Agora que se sabe que universo é finito, o ser humano necesita saber máis cousas?

-Pois si. Xusto no proceso de busca desta resposta, xorde una incógnita moito maior. De repente, entre o año 1998 e o 2003, apareceu un 75 % do universo que nunca percibiramos ata o momento. E está feito dunha cousa chamada enerxía escura. Esta é unha metáfora perfecta do cambio do milenio. Dentro de mil anos, cando os historiadores conten o que pasou nesta época nosa, estou seguro que contarán que no paso do segundo ao terceiro milenio, a humanidade descubriu tres cuartas partes do universo que ata entón nunca vira. A incógnita está agora en saber que é esa enerxía escura que está botando do universo para fora. Non sabemos nada diso. So que agroma do baleiro.

-Como se explica todo isto nunha conferencia de xente dispar?

-A charla que dá orixe ao libro monteina pouco a pouco. Primeiro conto como facían os gregos para medir a altura á que está a lúa ou o sol. Iso pódese contar dunha maneira xeométrica fácil. Pero pulín moitísimo a conferencia ao longo destes anos. Tras impartila en ducias e ducias de lugares, fun podando o que sobra para deixar a mensaxe espía e que fora entendible e clara para todo o mundo. O libro está pensado para que calquera persoa a partir de 11 anos poda lelo.

-Cales son as pregunta recorrentes nos seus relatorios?

-Basicamente, se o universo medra, para onde medra? É difícil ver o universo tetradimensional, onde tamén falamos do espazo-tempo. A xente imaxina que é un globo que esta dentro dunha habitación. O espazo- tempo non é algo que teña límites. O big bang non aparece nun punto en concreto, non se pode ir a un sitio do universo e dicir aquí foi. Aconteceu en todas partes.

-Tamén temos a tendencia a pensar que cada un de nós está no centro do universo. É así?

- É verdade, en certo moto. O noso universo é finito e no centro está cada un de nós. Ven a falar do modelo xeocéntrico. O centro do noso universo está en nós.

-Iso soa mais poético que científico.

-Non. Porque o universo máximo que podemos ver está marcado pola distancia que percorre a luz máis distante que nos pode chegar no tempo que viviu o universo. Polo tanto, o universo para cada persoa é unha bola e no centro está ela. A clave está no tempo que leva vivindo o universo. Unha das cousas que fixo Stephen Hawking foi que determinou que o universo ten unha orixe no tempo. E que ese tempo desde o seu inicio é finito e pode calcularse. Esa clave é importante e é o que permite dicir cal é o tamaño do universo.

-O seu interese pola ciencia levaralle a facerse continuamente preguntas. Cales son esas liñas nas que traballa?

-Una delas tenta acoplar o comportamento magnético de materia co comportamento eléctrico. Tamén intento descontaminar augas, a través dun grupo de investigación, utilizando partículas magnéticas. Outra distinta é explorar a dinámica social dun pais á hora de escoller un idioma, que é a que mais éxitos me deu. Fun capaz de reproducir como Galicia foi escollendo o seu idioma entre galego e o castelán ao longo dun século. E outra que intenta motorizar a articulación da mandíbula e como encaixa co cranio para poder determinar se os nenos pequenos teñen artrite reumatoide.

-Como se pode traballar á vez en cousas tan dispares?

-Porque dende hai moito tempo fago que o meu traballo sexa parte da miña vida. O meu lecer é así. Coñezo a moita xente e de todos tento aprendo algo. Creo que son o único profesor da Universidade de Santiago que ten publicacións científicas nos cinco grandes campos do saber que recolle a universidade, dende as humanidades ata as técnicas ou enxeñerías. Eu son físico vocacional. Doulle voltas a todo o que me rodea. Ademais, o grupo de investigación no que madurei xa tiña tendencia a ser multidisciplinar. O que pasa é que amplieina a todas partes. Agora mesmo traballo con lingüistas, sociólogos, pedagogos, médicos, dentistas, enxeñeiros... Por certo, o meu último artigo é sobre xeografía. Calculo o punto no que está o último solpor de Europa.

-Hai que ter as cousas moi claras para abracar tantas ramas do saber.

-O máis importante é que che guste e apaixone o tema. E, sobre todo, non ter medo a probar as veces que sexa necesario. E a fallar. Hai moitas cousas que non me funcionaron. Teño éxitos pero tamén fracasos. E se aprende das dúas cousas.

-De todo o feito ata agora. De que se sinte máis orgulloso?

-Tiven importantes resultados en temas relacionados coa física de materiais. Pero o traballo que máis satisfacción me deu foi cando un modelo matemático que pensei hai mais dunha década foi capaz de reflectir como se comporta un pais ao longo da historia á hora de elixir un idioma. Pensei que non podería suceder, pero cando vin que as hipóteses que tomaban tiña éxito foi moi importante.