A lápida de San Pedro de Rocas protagoniza a «peza do mes»

La Voz

OURENSE CIUDAD

fernando del río

O Arqueolóxico celebra o encontro mensual cos seus fondos en San Francisco

08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoy • 20.00 horas • Sala de escultura de San Francisco • Gratis • O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense celebra a súa cita co programa da «Peza do mes» e para a entrega de febreiro escolleuse a lápida orixinaria de San Pedro de Rocas. A explicación correrá a cargo do profesor de Historia Medieval da Universidade de Vigo, Francisco Javier Pérez Rodríguez. Na documentación que o Arqueolóxico entrega aos participantes na cita cos seus fondos lémbrase que «no conxunto do monacato medieval galego San Pedro de Rocas posúe un lugar especial e destacado por varias razóns». Entre as súas singularidades salientan dende o museo aspectos como o seu propio emprazamento ou a necrópole que lle serve de chan «e que desborda o santuario actual prolongándose máis alá dos seus muros». Lembran dende o Arqueolóxico que, de forma xeral, «a construción desta igrexa atribúese a tempos prerrománicos, talvez contemporáneos da necrópole, cando se tería excavado na rocha a cavidade que funciona como nave central e a máis pequena ao lado do evanxeo».

 

A lápida que protagoniza o ciclo da «Peza do mes» está datada no ano 611 da era hispana -o que se corresponde co 573- e hai dúbidas sobre se é oirixinal ou copia. En todo caso, como se lembra dende o museo «a transcendencia da lousa reside indiscutiblemente na súa data, que fai dela o primeiro testemuño dunha vida monástica en Galicia».

 

De lendas e realidades

A suposta orixe eremítica de Rocas, as lendas vencelladas a este asentamento, o concilio de Braga do ano 572 e a decisión de fundar igrexas que aseguren e garanten un «culto decente» -nesta decisión podería estar a orixe da lápida da doazón de Rocas- e outros aspectos de interese centrarán a sesión desta tarde coa peza do mes do Museo Arqueolóxico.