O Outono Fotográfico incidirá na promoción internacional

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O certame ampliará a colaboración con India e Cabo Verde

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Outono Fotográfico vivirá este ano unha edición especial e nada máis rematar a entrega do 2016, como acontece nas últimas convocatorias coa presentación do catálogo, xa se anunciou onte que na mesma se apostará por potenciar o esquema da sección oficial e por darlle unha dimensión moito máis internacional ao certame. Segundo sinalou onte o responsábel das mostras que se inclúen no referido apartado, Vítor Nieves, «presentamos hoxe a memoria do que foi o Festival de Fotografía de Galicia nesta edición 2016 pero xa traballamos na próxima porque será a que conmemorará os 35 anos de historia do proxecto e queremos que sexa unha convocatoria especial e na que, entre outras cousas, apostaremos por afianzar aínda máis o camiño da internacionalización. Xa temos presenza en certames de Brasil, Portugal e no Estado e para o 2017 imos desenvolver a colaboración con festival de fotografía de Goa, na India, e con Cabo Verde», sinalou Nieves. Tamén indicaron os responsábeis do Outono, Nieves e Xosé Lois Vázquez, que se está a incrementar a presenza en Portugal.

Catálogo coas mostras 2016

Neste apartado comentaron que se abre nestes días a exposición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea en Lisboa e que se está a traballar para colaborar co certame fotográfico da capital de Portugal.

Na presentación do catálogo do Outono Fotográfico 2016, que se desenvolveu no Ateneo, participaron xunto a Vázquez e Nieves os representantes do Concello de Ourense -as concelleiras Sofía Godoy e Belén Iglesias-, da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez, e do Ateneo, Pablo González.

Xosé Lois Vázquez lembrou que o catálogo do certame constitúe xa unha referencia de todo o que se ofreceu na edición do 2016 e que servirá como documento de referencia para o futuro. As concelleiras Sofía Godoy e Belén Iglesias incidiron no compromiso e o apoio do Concello co proxecto e Virxilio Rodríguez lembrou que o certame simboliza os valores da universidade.