Os espazos naturais da cidade na historia

Sustinea relata como foi a evolución das zonas verdes e a súa transformación a través dos séculos


SUSTINEA

A cidade de Ourense foi evolucionando os seus espazos naturais dende os primeiros poboadores castrexos ata os parques que coñecemos hoxe en día. Esta evolución queda amplamente reflectida por Xosé Somoza na publicación Ourense en Verde. A primeira paisaxe durante a época romana eran as masas arbóreas formadas por sobreiras (quercus suber) que se localizarían nos arredores da cidade. Habería exemplares illados de carballos (quercus robur), o mesmo que os cerquiños (quercus pyrenaica) formando pequenos bosques, castiñeiros (castanea sativa) e caxigos (quercus faginea). Ourense posuía un microclima que lle confería unhas temperaturas medias máis cálidas e unha menor precipitación que os territorios circundantes. Esta situación permitía que no mesmo espazo houbera especies de tipo mediterráneo, atlántico e centroeuropeo. O chan estaba formado por rochas graníticas e depósitos aluviais. Nas zonas próximas ás canles dos ríos habería xunqueiras formadas por diferentes especies de plantas herbáceas acuáticas que conformarían os canaveirais das terrazas fluviais.

Nas áreas castrexas a vexetación autóctona sería dominante, podendo preparar o terreo cortando as árbores nas áreas máis chairas para que pastara o gando. No núcleo que ía creando en torno ao Barbaña as áreas de cultivo foron gañando terreo á vexetación, cultivando cereais e produtos de horta. Así, a protocidade das Burgas gozaría dun microclima benigno en relación a súa latitude, que xustificaría a maior presenza de especies mediterráneas e a futura expansión dun cultivo que sostería o seu desenvolvemento durante séculos, o viñedo.

Na neorruralización da cidade teñen especial importancia os campos comunais no século XVIII, pois eran os lugares de pasto do gando que se criaba sen restricións no interior do entramado urbano. Os terreos comprados polo Concello ao longo do tempo para este fin converteranse séculos despois nos actuais espazos verdes de Ourense. O catastro de Ensenada cita no século XVIII o Campo do Cruceiro da Ponte Maior, poboado de carballos, sobreiras e chopos e dunha extensión «de sembradura» de 6 ferrados (1 ferrado equivalía a 630 metros cadrados), situado entre o camiño de San Lázaro, a Ponte e o Camiño Real. Tamén unha alameda do Cruceiro algo maior da actual pois ocuparía aproximadamente 4.000 metros cadrados.

A continuación referencia ao Posío, o gran campo comunal do sur da cidade, de trinta ferrados (20.000 metros cadrados) e poboado dunhas árbores que o Catastro di que chaman gruñeiros (posiblemente lodoeiros), entre a Porta da Aira e a do Vilar. Tamén estaría poboada de gruñeiros a Horta do Concello, de 14 ferrados, situada entre o Hospital de San Roque, o Camiño Real e a porta do Concello. O Campo de San Francisco, de 12 ferrados, con carballos e gruñeiros, atopábase cerca do convento. O campo da Pía da Casca, de 10 ferrados, e poboado con algún gruñeiro, lindaba co colexio das Mercedes e o Camiño Real. O Campo dos Remedios, de 14 ferrados e con poucos árbores, entre os ríos Miño e Barbaña. E, por último, o Campo do Outeiro, duns 8 ferrados, tamén con poucos árbores, e situado entre o río Barbaña e o Camiño Real. Ademais de estes campos comunais, ao norte da cidade se situaba o Campo de San Lázaro, que era o lugar onde se celebraban as feiras mensuais de gando e produtos da terra, e que tiña capela e hospital. Temos de este xeito, xa referenciados a mediados do século XVIII, algúns dos futuros espazos verdes da cidade: a Alameda do Cruceiro, o Posío, os xardíns do Bispo Cesáreo, o parque das Mercedes e os Remedios.

O campo de San Lázaro, espazo para a feira mensual

A feira mensual celebrábase en Ourense no Campo de San Lázaro os días 7 e 8 desde o privilexio concedido en 1122 por Alfonso VII, que ofrecía eses días liberdade de impostos para o comercio.

Alí continuou durante séculos, sendo ampliado en 1857, e nel realizaban transaccións de especies mulares, porcinas, bovinas, caprinas, equinas e ovinas, atraendo a un grande número de comerciantes de toda a provincia.

O día 22 de marzo de 1904, ante a imposibilidade de ampliar novamente o Campo da Feira, por estar xa o sector urbanizado e ser moi caros os terreos que tiñan consideración de solares, o Concello de Ourense decidiu levar a cabo o traslado do feiral e acondicionar San Lázaro como parque de recreo.

No ano 1916 os veciños da parte norte da cidade protestaron ao Concello, pois a feira de gando seguía a celebrarse nun lugar que estaba xa plenamente urbanizado, e o alcalde aprobou trasladar á feira de gando ao Campo dos Remedios.

Xardín do Posío, lugar de ocio familiar e lucimento persoal

No século XIX a burguesía demandaba novos parques como lugar de ocio familiar e escaparate para o lucimento. Con este dobre obxectivo reformouse en 1840 a Alameda do Cruceiro, e despois o Campo de San Lázaro e o Xardín botánico do Posío. A partir de entón comprábanse, para este último, sementes e novas plantas que ían completando o botánico. Na memoria do curso 1859 detállase que hai un total de 332 plantas, outras 150 en macetas e 158 árbores e arbustos. En 1863 seméntanse 250 novas especies e os marqueses de Leis doan aves do paraíso e faisáns. En 1879 o herbario conta con 475 especies, mentres que en 1888 a memoria rexistra a doazón desde Londres de dúas coleccións completas de lirios e nardos. En 1899 plantouse o paseo das palmeiras. Unha mostra do sentimento de orgullo que o xardín botánico do Posío xeraba nos ourensáns é que durante esa época todo aquel habitante que viaxaba ao estranxeiro desexaba traer unha nova planta exótica que colocar no xardín que era de todos.

Viñedos denominados por Alfonso X como o «boon vinho d’Ourens»

O «boon vinho d’Ourens» xa aparece citado nas cantigas de Alfonso X escritas no século XIII, chegando un dos momentos de máximo esplendor desta agroindustria no século XV. Desde o século XII rexístranse numerosos contratos de aforamento de viñas nas inmediacións da cidade de Ourense, que nesta época compartiría solo agrícola cos campos de cereal, fundamentalmente de centeo (para facer o pan), e os produtos de horta.

Durante o século XIV produciuse unha forte crise económica que provocou a caída dos prezos do cereal. Esta situación chegou ata Ourense e moitos aforados víronse obrigados a plantar de viña os seus campos. Ata tal punto que os vales de Miño, Barbaña e Loña, e moitas fincas roturadas en socalcos polas pendentes que conforman o espazo ourensán, estaban dedicadas á produción de viño

O cultivo do viñedo en Ourense mantívose con altibaixos durante moitísimo tempo, até que as novas condicións urbanas e unha sucesión de pragas incidiron negativamente nas viñas da cidade. Foi entón, a comezos do século XX, cando os burgueses capitalistas decidiron levar a produción do viñedo a outras áreas próximas a Ourense, nos vales do Miño (Ribeiro) e o Sil (Ribeira Sacra).

Sustinea

Somos unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao Desenvolvemento Sostible. Facémolo mediante proxectos de Desenvolvemento Rural, programas de Educación Ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas.

Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades na provincia. Desde voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, Servizo de Voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor na nosa web e no noso Facebook. Colabora con nós e Sustenízate!

 

Máis información www.sustinea.com

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Os espazos naturais da cidade na historia