«Ourense precisaba completar a súa oferta cultural cun ciclo como o de música lírica»

O tenor e a pianista Beatriz Calvo protagonizan o segundo concerto do Ciclo de Lírica 2016


Hoxe • 20.30 horas • Principal • 5 euros • O Teatro Principal acolle esta tarde a segunda das enttregas do Ciclo de Lírica 2016. Nesta ocasión a convocatoria ten como protagonistas ao tenor ourensán Enrique Alberto Martínez e á pianista Beatriz Calvo. Formouse como músico no Conservatorio Profesional de Ourense, na especialidade de tuba, aínda que logo cursou no de Vigo a especialidade de canto. Foi seleccionado en centros internacionais e cantou en salas como a Ópera Comique de París, a nacional de Bucarest, o teatro Wielki de Varsovia ou os de Lion, Grenoble e Toulouse, entre outros. No 2015 acadou, por unanimidade, o primeiro posto dos premios á excelencia musical organizados pola Fundación Mans-Paideia.

-Vostede estivo na presentación do ciclo. Como valora a iniciativa?

-Crear unha proposta como esta é unha boa idea. Ourense precisaba completar a súa oferta cultural cun ciclo como o de música lírica e creo que será un éxito.

-Acredita niso?

-Cando imos á cidade -o tenor vive coa súa familia en Pontevedra- a percepción é a dun espazo cunha grande e atractiva oferta cultural -con festivais de teatro e de cine, entre outras propostas-, con negocios que volven a espertar e a propór novas ideas ao cidadán e con atractivos como as termas, que levan a xente de moitos lugares. Estou convencido que Ourense vai estar de moda en moi pouco tempo e como ourensán é un orgullo. En canto ao ciclo, será unha iniciativa que se consolidará e terá unha boa acollida.

-Formouse como músico mais rematou como tenor.

-Quería estudar música, era o que me gustaba, e rematei aprendendo a toca a tuba. O canto sempre me chamou, a miña primeira profesora foi Manuela Soto, e cantaba no coro Agromadas, de Seixalbo. E logo xa foi cando apostei por esa faceta, que era onde tiña máis saídas, e decidín meterme de cheo na música lírica.

-Para o concerto coa pianista Beatriz Calvo escolleron un programa de autores clásicos e compositores españois?

-É un repertorio de concerto lírico típico, con música antiga, de cámara e con apoios de ópera e zarzuela. Unha actuación desta duración -o programa divídese en tres partes- conxuga algo lixeiro ao comezo para irse preparando e logo o repertorio máis coñecido e máis esixente. Daquela están dende Rossini e Mozart a Amadeo Vives, entre outros.

-No seu currículo figuran moitos personaxes. Con cal se siente máis identificado?

-Co Conde Almaviva, de «El barbero de Sevilla». Aínda que a miña voz está cambiando, son un tenor rossiniano.

-Que papel lle gustaría ter interpretado?

-Nunca o pensei. Quizais o Don Ramiro, de «La Cenicienta» de Rossini.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Ourense precisaba completar a súa oferta cultural cun ciclo como o de música lírica»