La gallega Jéssica Bouzas gana a Paula Badosa y avanza en el Másters de Madrid
O reitor defende que trata os tres campus por igual e que a proba é que son os máis equilibrados de Galicia
30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Ten baixo a súa responsabilidade a formación de 21.000 estudantes nas mellores condicións para conseguir un posto de traballo cualificado. Salustiano Mato logrou consolidar a Universidade de Vigo nos postos de saída dos ránkings das mellores universidades novas e minimizar os recortes das administracións con fondos propios da institución.
-¿Cal é o principal problema que ten agora a Universidade de Vigo?
-No 2010 dixen que suamos a camiseta e seguimos a suala. Se saímos da crise é máis por nós mesmos que por ter axuda ou cariño externo doutras fontes. O importante é ter empatía e ver se tes algunha ferramenta coa que resolver os problemas.
-¿Que lle fixo ao alcalde de Vigo para que lles teña empantanados co IBI e a ETEA?
-O que fixen é darlle cariño, abrir as portas e presumir de alcalde e de cidade. Somos unha institución seria e legal e traballamos con todas as institucións. O alcalde sempre terá as portas abertas desta Universidade, que é á súa, e está sempre invitado. Razóns non hai ningunha.
-¿Entón por que non o recibe nin exime do IBI á Universidade?
-Eu só lle pido que me diga dunha vez se hai posibilidade ou non dun acordo sobre o IBI. Nós temos que planificar. É chocante que na ordenanza estean exentos os centros educativos e non se nos considere tal. Na última reunión se me pediu tempo para estudalo. Agora espero unha entrevista. Unha cousa é que acepte o 95 % de desconto e outra é dicir non a todo. Por cuestións contables, temos que xerar ingresos de cinco millóns anuais para pagar ese imposto.
-¿En que podería empregar a Universidade ese medio millón de euros que aforrase co IBI?
-Podería dar para bolsas de comedor e transporte ou para bolsas de intercambios.
-¿E os 100.000 de Ourense?
-Xa está investido no campus desa cidade. En Ourense aconteceu que houbo un cambio nas normas que o puxo en risco.
-¿Ten lóxica un centro tecnolóxico aeroespacial en Porto do Molle (Nigrán) e un título de enxeñería aeroespacial en Ourense?
-As dúas iniciativas nacen para dar músculo ao sector no sur de Galicia, están feitas cunha lóxica moi de futuro. A maior parte dos enxeñeiros están en Vigo, por iso o centro se fixo en Porto do Molle. Necesitabamos unha enxeñería potente e a oportunidade era facelo en Ourense para equilibrar. Ademais, hai tecido empresarial nesa cidade e era unha razón obxectiva.
-¿Trátase aos tres campus por igual?
-Si. A proba está en que os campus periféricos máis consolidados, con máis futuro e equilibrados son os que ten esta Universidade, algo que non pasa cos outros periféricos. O ratio de financiamento por alumno non só está equilibrado, senón que está a favor dos campus non centrais. Outra cosa son as sensacións. Hai que loitar con feitos e realidades. Temos unha conciencia moi clara de Universidade do sur de Galicia. Hai aspectos nos que non se consegue máis eficiencia negociando desde distintos sitios. É máis custoso. Estamos apostando por una futuro propio para cada campus a través da especialización, non que sexan franquicias. Isto lles da unha imaxe e unha folla de ruta propia e influirá nas ofertas académicas no futuro. Agora demos un paso decisivo co Campus da Auga, que va en prazo, e no Campus Crea de Pontevedra.
-¿Cando poderán cobrar os 17 millóns que lles debe Facenda tras as sentenzas favorables?
-Iso será a longo prazo a tras reclamalo. Pagar é doado, pero cobrar non.