«A mostra céntrase no litoral e nos espazos vividos polo home»

OURENSE CIUDAD

CEDIDA

O profesor e fotógrafo abre en Marisa Marimón a súa exposición «Perimetrada»

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na galería Marisa Marimón ábrese esta tarde ao público (20.00 horas) unha nova mostra do programa do Outono Fotográfico. Manuel Sendón (A Coruña, 1951) é un dos referentes da historia da fotografía en Galicia. Promotor, xunto con Xosé Luis Suárez Canal, da desaparecida Fotobienal de Vigo, é profesor da Facultade de Belas Artes de Vigo. Sendón e Suárez Canal dirixen o Centro de Estudos Fotográficos da Universidade de Vigo e os seus últimos proxectos, o dos «Espantallos» e «Mil Ríos», xa pasaron polo Outono Fotográfico.

-«Perimetrada» mantén a filosofía de «Mil Ríos»?

-Naquel proxecto o que fixemos Fran Herbello e máis eu foi remontar en piragua os ríos para documentar a paisaxe. Nesta nova proposta o obxectivo fixado era percorrer a costa tan próximo ao mar como fose posíbel. Fíxen a andaina en 2014 e 2015 e nas 31 etapas percorrín uns 1.500 quilómetros, en bici e tamén a pé cando non había outra forma de facelo.

-Desta volta cal foi o obxectivo do proxecto?

-En todas as imaxes da exposición -logo tamén hai un panel con 36 fotografías que se refiren aos camiños percorridos e a perimetrada realizada- está presente o mar. Mais non me interesa como obxecto de beleza, senón como espazo vivido polo home. En todas hai algún elemento que fala ou que dá conta da transformación que o home foi facendo polo litoral. Son sinais que fan referencia á vida do home neste espazo e á súa intervención no mesmo. En conxunto, «Perimetrada» céntrase no litoral e nos espazos vividos polo home.

-Atopouse con problemas para o achegamento ao mar dende terra?

-Si. Hai zonas nas que a presión urbanística e o territorio ocupado son moi fortes, sobre todo nas Rías Baixas, e tamén de xeito destacado na zona de Lugo. Na Costa da Morte e en Fisterra, que é o que máis coñezo porque teño casa neste pobo, o litoral está moito mellor conservado. Non quere dicir que non haxa casos desa presión ou desa ocupación do territorio da que falo. Pero é menos. E logo xa están outros aspectos como os camiños que xa non se poden percorrer ou outros atrancos que te desvían da desexada proximidade ao mar.

-O traballo desenvolveuno nos dous últimos anos?

-O proxecto de «Perimetradas» fíxeno, no que ao percorrido antes sinalado se refire, neses dous anos. Pero non é algo pechado. De feito en Ourense alguna das fotos fíxose con posterioridade.