Maquillaxe para as estrelas mediáticas

A ourensá afincada en Lisboa traballa para varias canles de televisión en Portugal


OURENSE

A Carmela Montero levouna a Portugal o desexo de probar algo novo e facelo nun país que lle resultaba atractivo. E alí quedou. Desenvolveu unha importante carreira profesional vencellada aos medios audiovisuais, mudou a escena teatral polos platós de televisión, e o seu recoñecemento laboral tena ateigada de traballo.

Rematou en Lisboa pero ben podería estar en Barcelona. A moza ourensá formouse en Cataluña, fixo Maquillaxe e Estética na cidade condal, e confesa que lle tería gostado desenvolver alí a súa profesión: «Aquilo era o paraíso. Non quedei porque tiña saudade da familia e decidín tentar comezar a traballar ao lado dos meus. Se tivese un bocadiño de traballo quedaría en Barcelona, mais naquel momento era difícil se non tiñas patrocinador».

En Ourense iniciouse no mundo da escena e amósase agradecida: «Foi grazas a Sarabela Teatro que me diron a oportunidade de traballar con eles. Lembro con moito cariño aquela montaxe que se chamaba Cama -a obra Cama (2x2 para 2) que se estreou en 1994-». Logo foi ampliando a súa presenza nos proxectos que se foron materializando no sector naqueles anos. Na procura de experiencias na súa memoria agroman nomes e iniciativas: «A diferenza do que fago aquí, na Galiza traballei fundamentalmente en maquillaxe e vestiario. Naquela etapa tiven a oportunidade de facelo con grupos como Noroeste, Chévere, Ollomol Tranvía ou Tanxarina».

Presentadoras famosas

A chegada a Lisboa foi algo natural para ela: «Tiven un convite dun galego que traballaba aquí. As condicións eran moi boas, xa tiña experiencia no sector na Galiza e desexaba probar e coñecer, porque era moi atraente a posibilidade de desenolverme profesionalmente aquí. E viñen en xaneiro de 1998».

En Portugal comezou na RTP (Radio Televisión Portuguesa) e da pública pasou ás canles privadas e a crear a súa propia empresa. Un proxecto no que se unen as súas dúas paixóns; Sarapintado dá conta do nome da súa filla Sara e da súa profesión.

Falar con Carmela Montero para argallar unha reportaxe faise difícil. Ten programas mañá, tarde e noite, e tamén compromisos na fin de semana. Traballa para as presentadoras máis famosas da televisión portuguesa -maquilla a Fátima Lopes e Júlia Pinheiro. Tamén a Teresa Guilherme- e en programas das canles SCI e TVI (Grupo Prisa). Con Sarapintado dá servizo ás compañías: «Se nalgún momento precisan unha maquilladora facilítolles á persoa que necesitan para o traballo». Mudou o teatro e o cine pola televisión, aínda que tamén participa en proxectos para sectores como o da publicidade ou para reportaxes fotográficas.

Confesa que volver non está na súa folla de ruta e que non cavila niso. «Non penso no amañá -Carmela Montero móvese entre o portugués e o castelán- mais esta é a miña casa. Teño traballo, unha empresa, aquí naceu a miña filla Sara. Moitas veces me dá vontade, mais non hai desexo de volver».

«A Galiza vén de visita a Lisboa»

Morriña sempre hai e Carmela Montero sinala que bota en falta algunhas cousas: «Moitas das tradicións, as festas, os lugares e as experiencias que viviches e conforman a túa vida. E, por riba de todo, irse de tapas e a tomar uns viños cos amigos. Diso si que sinto unha grande saudade».

E da familia, aínda que a ourensá recoñece que ese aspecto está perfectamente argallado: «Non teño tempo de ir a Ourense. Meu pai e meus irmans viaxan ata aquí. A Galiza vén de visita a Lisboa e mantemos o contacto».

 

paraíso

A ourensá desenvolve a súa vida profesional en Lisboa, aínda que non mora na capital portuguesa. Carmela Montero vive en Colares, unha freguesía do municipio de Sintra -ubicada entre Sintra e Cascais- que se atopa na baía lisboeta. Enclave turístico, con praias de sona e lugares como Azenhas do Mar -pobo pendurado sobre un cantil-, tamén se caracteriza pola elaboración dos seus coñecidos viños tintos.

Da escena galega ao audiovisual portugués.

traxectoria vital

Da escena galega ao audiovisual portugués. Carmela Montero iniciouse no mundo da escena galega da man de Sarabela Teatro. Nos anos de traballo en Galicia acadou un amplo recoñecemento profesional. Nos premios do teatro galego, os María Casares, figura o nome de Carmela Montero no palmarés de moitas das súas edicións. Gañou galardóns no apartado de maquillaxe polas montaxes «Escola de bufóns», «Unha rosa é unha rosa», «Tics» -neste caso por partida dobre, xa que tamén se levou o premio de vestiario-, «Sexismunda», «A conxura dos necios» e «Macbeth». Sabarela Teatro e o Centro Dramático Galego (CDG) foron as súas compañías de referencia. Nas diferentes canles nas que leva traballado en Portugal -RTP, SIC e TVI- ten sido a maquilladora xefa en «Operación Trunfo» e participado en programas como a versión portuguesa do «1, 2, 3...» ou, na actualidade, o «Gran irmán». Compaxina a televisión coa publicidade e fotografía.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Maquillaxe para as estrelas mediáticas