«Sen querer, a escola castelaniza moito»

mar gil OURENSE

OURENSE CIUDAD

santi m. amil

O director de Amencer agradece a influencia dos mestres que lle abriron horizontes e interrogantes

07 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cousas que o director desa asociación xuvenil hiperactiva chamada Amencer ten moi claras. Por exemplo, que o patio de Salesianos, como a Galicia de Risco, é un mundo. Ou que hai mestres, como Isidro Lorenzo, capaces de abrir interrogantes e horizontes cruciais. Ou cousas como que el non é de Ourense, senón da Ponte. «Na miña casa séguese dicindo iso de vou a Ourense cando hai que cruzar o Miño», asegura Xulio César Iglesias Blanco.

Alumno e profesor do colexio salesiano, sacerdote, pedagogo, filósofo e teólogo, Xulio ten na cidade a honrosa etiqueta de director de Amencer. No seu colexio naceu hai 30 anos esta asociación xuvenil que, a golpe de traballo e perseveranza, ás veces semella omnipresente.

«A idea foi dos rapaces de COU de hai 30 anos a raíz dunhas convivencias. Cos profesores Mauricio Paniagua, Paloma Bravo e Lola Martínez puxeron en marcha o proxecto? e ata hoxe». Xulio colleu o testemuño en 1995, cando desembarcou en Ourense.

A dese ano foi a súa segunda entrada en Salesianos. A primeira, cando tiña 10, foi en 1970 para estrear un novo plan de estudos: a EXB. «Eu vivín o martirio das fichas da EXB. En 5º e en 6º todo era facer fichas, fichas, fichas? Había os consultores, que eran uns libros gordos de cada materia, e os libros de fichas. Non había que memorizar, podías consultar sempre e os exames eran con fichas. Ata 8º, que me liberei das fichas». Foi a novatada, ri, de estrear un novo sistema, sempre necesitado de axustes.

A ese Salesianos da EXB chegou Xulio dende o colexio privado María Goretti, que paseou un par de rúas da Ponte antes de instalarse no casco antigo da cidade: «Era un colexio moi de barrio, coñeciámonos todos. É certo que A Ponte non era coma hoxe; daquela xogabamos ao fútbol na rúa Mercado e parabamos se viña algún coche! E non facían faltan titorías porque coincidías cos mestres pola rúa!».

Foi no salto á outra beira do Miño cando atopou a Isidro Lozano. O actual director de Obra da comunidade salesiana en Ourense deulle ao Xulio preadolescente clases de Relixión e Lengua e foi o seu titor de 8º, no curso 1973-74. «Isidro chamaba a atención como profesor. En Lengua explicaba ben e era práctico. E en Relixión a min impactoume o enfoque, moi humanista, de crecemento integral da persoa, coa súa dimensión espiritual. Non era catecismo; ata trataba o tema da sexualidade, e non en clave moral, senón de crecemento da persoa. A min abriume horizontes e interrogantes. Deume unha visión diferente do que era a relixión tradicional que eu recibira».

Un rapaz normal

Malia esa pegada, o mestre apenas lembraba a aquel Xulio adolescente cando se reencontraron anos máis tarde, xa os dous salesianos e docentes: «Eu perdera o seu recordo ata que un día me dixo que fora o seu titor e tróuxome como proba o boletín de notas asinado por min». Entre risos pola anécdota, Isidro pensa naquel mozo «discreto e bo compañeiro, que non daba problemas». O que se di un rapaz «normal».

Xulio xustifica a desmemoria do mestre «porque daquela había cinco grupos de 8º con 40 alumnos cada un, todos varóns!».

Isidro foi actor e privilexiado espectador da evolución de Xulio: «Despois coincidimos en Vigo, nos seus 3 anos de prácticas nos Salesianos. Xulio era xa moi preocupado polos rapaces. O que realiza aquí en Amencer estaba xa na raíz naquel momento co centro xuvenil Abertal».

A través de Amencer Xulio quere exercer tamén o seu compromiso co idioma: «Na miña infancia os meus pais falaban en galego entre eles e, comigo, en español. Para min é un compromiso pola terra, pola xente, pola xente con máis dificultades, a do rural, os maiores? Pero recoñezo que é difícil, sobre todo nas cidades. Sen querer, a escola castelaniza moito. Aínda que se di que se pode falar, facer exames?, aos rapaces fáltanlles lugares de socialización en galego». A Amencer, di, gustaríalle ser ese lugar: «Non impoñemos, facemos os nosos xestos, pero é difícil; déronse pasos atrás, pero nós non nos rendemos».

«Isidro dáballe un enfoque moi humanista ás clases de Relixión e en Lengua era un profesor que explicaba moi ben. A min impactoume o seu estilo»

«Xulio sempre tivo sentido práctico; ve os problemas rapidamente, iso non o perdeu. Como alumno, era un rapaz tranquilo e bo compañeiro»

Paixón pola Historia, «patoso» en deportes

Xulio Iglesias obtiña as mellores notas escolares en Relixión, Xeografía e Historia, as materias que hoxe imparte como profesor. O deporte nunca foi o seu, malia que nos recreos nunca lle fixo ascos a ese labirinto futbolístico que era o patio de Salesianos: «En Educación Física, un ben, nada máis. Son patoso en deportes. Pola contra, as Ciencias Sociais sempre me gustaron. O consultor de Sociais xa o lía no verán, por hobby, antes de comezar o curso. Penso que a Historia axuda a facer unha boa análise da realidade e dar propostas axeitadas. E iso pega moi ben tamén coa Relixión: saber de Jesús para actualizalo e non falsificalo».

 

Algo así como o que experimentou facendo Filosofía e Pedagoxía na universidade dos Dominicos, en Valladolid: «Marcáronme moito; eran eruditos, pero comprometidos por unha sociedade máis xusta, vivindo e traballando nun barrio conflitivo. Foi unha época complexa na que descubrín que a educación era un camiño para salvar á xente de situacións duras».