«A min gustábame estar interno»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

a. cortés

O cantautor atopou na Laboral un espazo socialmente aberto e boa sintonía cos profesores

17 oct 2016 . Actualizado a las 12:00 h.

Pode soar estraño, pero Emilio Rúa (As Vendas da Barreira, 1976), é claro. Finalizada a EXB no seu concello natal, o que lle apetecía era estudar interno na Laboral. Viaxar non era prato de gusto e o internado foi, non o dubida, unha boa experiencia.

Claro que, como deseguido bule na charla co seu antigo profesor de relixión -don Pepe para os alumnos, cura Pepe para os profesores e José Pérez Domínguez no DNI-, a Laboral non era, precisamente, un cuartel; nin sequera un instituto ao uso.

«Nunca percibín nos alumnos temor ao internado. Aquí tivemos sempre unha disciplina propia -apunta Pérez Domínguez-: aulas abertas, profesores abertos, nada de silencio absoluto na aula... A Laboral sempre tivo esa vertente de apertura... Xente moi vocacionada que provocaba nos alumnos esa apertura con actividades artísticas, culturais...».

En Relixión, por exemplo, as películas eran habituais e non precisamente ortodoxas: «Poñíalles películas impactantes, como unha moi crítica co papel da ONU en África». Tampouco escaseaban as excursións, e misa... unha ao ano! En realidade, explica o actual deán da catedral de Ourense, non era unha simple misa -en galego, por suposto!-; era todo explicado. Lembro que un rapaz dixo unha vez: «Pero xa acabou a misa?».

O profesor, pensa Domínguez, «ten que ser moi competente na súa materia, pero logo ten que ser próximo e respectar moito ao alumno. Iso era moi norma da Laboral. E, por suposto, a didáctica e a psicoloxía non poden faltar!».

Os catro anos de BUP e COU nesa Laboral dos primeiros noventa foron «os mellores da miña vida», sentenza Emilio Rei. Ao instituto chegou cunha experiencia musical que para si quixeran moitos profesionais veteranos. Pero esa bagaxe non se deixou ver na súa estancia. A discreción é un dos seus sinais de carácter e a música mantívoa á marxe do académico.

«A primeira vez que cantei en público foi na gardería infantil que había nas Vendas. Era nunha casa particular, viña unha profesora de Lugo e iamos todos os nenos de 4 e 5 anos. A miña nai subiume nunha mesa e díxome que cantara». E Emilio cantou «Latino», o éxito de Francisco no Festival da OTI.

Pouco despois, con 7 anos, incorporouse á orquestra familiar, Concorde Atenea. O pai, Emilio García, dedicábase á construción, pero era, de corazón, músico. Meteulles o verme e os primeiros coñecementos aos cinco fillos e, ademais, levounos ao Conservatorio a Verín e, todos os sábados, a clases particulares a Ourense. «Eu ía a solfeo e, despois, empecei coa guitarra. Fun o único que, ao final, tirou pola música. Daquela estivemos oito anos tocando xuntos, eramos a familia e dous músicos máis. Eu empecei o cole e, ao cabo dun ano, xa tocaba na orquestra pero, iso si, nunca ningún irmán faltou o cole, aínda que nos deitaramos ás 4 da mañá!».

O cole ao que nunca faltou o Emilio neno era o das Vendas da Barreira, aquel pretiño da súa casa e do quiosco no que a súa nai vendía larpeiradas, bocadillos e papelería. «Daquela había moitos nenos, moita vida, o colexio chegou a ter 700 ou 800 alumnos!».

Desa etapa lembra con afecto a María Victoria, «que foi a miña profe ata 5º EXB; foi a primeira profe da que tiven máis conciencia. Era moi boa muller, menos estrita, máis nova, era máis actual». En 7º tivo unha profesora coa que polas tardes coincidía, ela tamén como alumna, nas clases de guitarra no Conservatorio: «Dábame mates no cole e despois atopala de compañeira no Conservatorio para min era un choque. E, encima, se un día non ía a guitarra, ao día seguinte preguntábame que fixeramos».

A experiencia musical e a peripecia orquestral forxaron o Emilio que coñeceu José Pérez: «Era moi sociable, víaselle unha soltura especial. Como compañeiro era servizal e querido por todos, agarimoso. Como alumno, sabía estudar, era programado, listo e espabilado para os estudos». Pero, matiza Emilio entre risos, «non era de sobresaliente».

«Unha profe botoume unha ‘bronca’ por non seguir co Latín»

Emilio era «de Letras, totalmente», pero tamén se lle daban ben as Matemáticas: «As derivadas! Propúxenme buscarlle o sentido a todo iso».

E conseguiuno pero, dende logo, as Letras eran outra cousa. «O Latín, para min, era moi intuitivo. Cando en 3º BUP collín Letras Mixtas, que non incluían Latín, a profesora, Mª Luz, botoume unha bronca diante de toda a clase por abandonar. Era como unha nai».

Fóra xa do instituto, Emilio comezou Relacións Laborais na Coruña, pero sen satisfacción. Despois veu a mili, algúns traballos e, finalmente, a decisión vital e profesional pola música. Foi como concluír o camiño iniciado na etapa do Bacharelato cando, cada venres, o adolescente Emilio regresaba ás Vendas: «O primeiro que facía ao chegar á casa era coller a guitarra. Despois, ía cear».