«As boticas hoxe non poden vivir só dos medicamentos do seguro»

OURENSE CIUDAD

Oscar Vazquez

As farmacias galegas resisten a caída demográfica mellor que as doutras comunidades

08 oct 2016 . Actualizado a las 12:17 h.

Manuel Muradás, ourensán de Beariz nacido en México en 1953, preside o consello reitor da cooperativa farmacéutica Cofano, que distribúe diariamente produtos para a venda a 600 farmacias de Pontevedra e Ourense e algunhas do sur de Lugo e da Coruña. Hoxe organiza no mosteiro de San Clodio unhas xornadas profesionais para conmemorar o 65 aniversario do seu nacemento. «Soa a xubilación, pero estamos cheos de enerxía», asegura Muradás.

?Con 130 traballadores e unha facturación anual de 230 millóns, soa estraño ser cooperativa.

?Pois somos unha cooperativa no sentido ortodoxo, no máis estrito, e, ademais, somos a oitava empresa de distribución farmacéutica en España. Hoxe moitas cooperativas distorsiónanse e funcionan como grandes empresas, pero non é o noso caso. Nós distribuímos produtos e tamén ofrecemos servizos que hoxe demandan os nosos socios e os cidadáns.

?Nun momento de movementos de concentración no sector, ¿está sendo tentada Cofano?

?Hai bastante efervescencia no mundo da distribución farmacéutica española e moitos intentos de absorción e Cofano ten unha dura competencia, pero nós imos seguir sendo unha cooperativa ortodoxa e galega; estamos nesa idea e hai moitas cooperativas que pensan coma nós, sobre todo no norte de España, e temos establecido acordos, converxencias e sinerxías con eles. É moi gratificante crear emprego e ter actividade aquí, na nosa terra.

?¿Hai negocio?

?A nosa cooperativa, con cubrir gastos e manterse, cumpre. O resto, se hai beneficio, repercute nas farmacias, que é a razón de ser. Sempre dicimos que esta é unha empresa concibida ao revés: non está para facer negocio senón para facilitar o negocio. De todos modos, os números deste ano son satisfactorios, estamos en incremento de vendas.

?O negocio parece estar cada vez menos nos medicamentos. Agora as farmacias parecen grandes supermercados.

?Hai conceptos de botica que quedaron moi atrás porque hoxe non é posible subsistir só coa dispensación de medicamentos do seguro, de aí que as boticas se transformen e tamén os almacéns de distribución coma nós. Iso palía dalgunha maneira os recortes do sistema de saúde que temos, que hai que salientar que é un dos mellores do mundo. Nós temos unha liña, Cofacare, que ofrece formación e produtos de autocoidado; non se trata só de comprar e vender senón de ofrecer aos profesionais todo o que demandan: por exemplo, financiamento ou formación en distintas áreas para que eles a poidan transmitir aos cidadáns e prestarlles servizos como analíticas, tests de pel ou screenings de cancro de colon, ou formación sobre nutrición ou risco cardiovascular, como xa se está facendo hoxe nalgunhas farmacias.

?Teñen almacéns en Pontevedra, Vigo e Ourense. O difícil debe ser chegar ao rural.

?A dispersión poboacional paliámola todos os días con moitas rutas e mantementos custosos. Todos os días chegamos, polo menos dúas veces, aos puntos máis apartados e nas cidades hai, polo menos, catro servizos diarios de distribución. Galicia é como é, fermosa, pero ten inconvenientes como a poboación dispersa, pero nós chegamos a todas partes.

?¿Pecharán farmacias do rural?

?Non o sabemos, pero non creo. A farmacia media galega resiste ben as dificultades; hai comunidades en España que resisten peor. As rurais teñen o valor engadido dun valor sanitario moi amplo; no rural a farmacia é moi valorada como punto de saúde, o mesmo que nos barrios das cidades. Nese sentido a farmacia ten cambiado moito, son máis ben puntos de saúde e non só de venda, e son tamén referencia para vendas relacionadas coa hixiene, coa dermocosmética ou coa nutrición.

?¿Os recortes acabaron co status económico do farmacéutico?

?Hai moito mito sobre iso; é unha profesión como outra, con xente que destaca máis ou menos, con xente que gaña para vivir... Antes as marxes eran outras, é certo, e o cidadán hoxe mira máis o que custan as cousas, aínda que siga gastando.