«Nin hai tramas criminais nin ven xente de fóra a prender»

pepe seoane OURENSE

OURENSE CIUDAD

Este especialista resalta que detrás de moitas actuacións policiais está o traballo dos axentes forestais

28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Con máis ou menos virulencia, os incendios forestais son unha constante dos veráns. E sempre se acaba falando do mesmo. Que se o abandono do rural, o desaproveitamento da maleza, a ineficacia ou descoordinación policial, o medo a declarar dos habitantes das aldeas, ou a pouca formación nos medios de extinción. Pablo Hermo Olveira, enxeñeiro técnico forestal, é técnico de incendios en Ourense.

-Ningún deses factores orixinan os incendios, pero todos axudan a que cada vez sexan os lumes máis grandes e máis perigosos, como axuda que as inversións non cheguen ao mundo rural, polo alto risco de que se queime, co que se causa mais abandono, mais envellecemento e maleza.

-E cando chove, paran...

-Todo axuda. Os lumes son un problema do rural. Nin hai tramas criminais nin ven ninguén de fóra a prender lume. Todos os problemas do medio rural entran nunha especie de embudo no verán para dar como saída os incendios. A impunidade é a razón fundamental de que esto sexa así.

-A prevención é un dos motivos de recurrente debate. Se é boa, como di a Xunta, e o dispositivo está optimizado e coordinado, cómo é que os lumes son cada vez máis grandes e perigosos?

-A administración nútrese en boa medida con fondos europeos. Pode chegar ata o 75 % do total. Pero se adicamos eses fondos aos GES (grupos de emerxencias), brigadas e tractores dos concellos, ou rozar os montes xestionados por la Xunta, lavadoiras, campos de festas e algunha cacicada máis, leva a que hai monte abandonado e outros parecen xardíns. Que comecen algunhas intervencións en agosto, ou que non se gaste o 100% dos fondos da UE é un sinsentido.

-¿E a coordinación policial?

-Fan reunións de alto nivel, pero cando nun camiño se cruzan autonómicos e gardas civís, as máis das veces nin se saúdan. Imaxine o lector un pobo de quince veciños. E chega un paisano con bambas, pantalón curto e gafas de sol, que se identifica como policía e quere tomar declaracións. ¿Alguén cre que o paisano lle vai dicir algo a esa persoa? Nada.

-Incendiarios, de todas maneiras, son ben poucos os que caen. Todo o máis o que se esclarecen son os lumes por neglixencia...

-Deter a unha persoa á que se lle escapa unha queima é tan sinxelo como ás veces inxusto. Fíxoo todo ben, pero por un infortunio escapouse. Deter a un incendiario é máis complexo. Facer un seguimento implica un estudo pormenorizado de rutas e horas dos lumes, chegar ao lugar exacto de inicio para ver se hai artefactos ou só foi un chisqueiro, un mecheirazo, identificar sospeitosos, cotexar pegadas de ADN... son labores que requiren horas e horas de traballo e persoal especializado, como os axentes forestais.

-Pois pouco protagonismo lles dan dende a propia «empresa»...

-Creo que non debo opinar sobre iso. Non lle quede dúbida ao leitor, de todas maneiras, no sentido de que algunha das detencións pasadas e futuras levan o selo e o traballo continuado deste persoal, aínda que pareza que políticos e mandos se empeñen en ocultar méritos e dirixilos a outro lado. A realidade é que se fai moito traballo á sombra dos corpos de seguridade.