«Na estrutura educativa todos os cambios que houbo foron para peor»

mar gil OURENSE

OURENSE CIUDAD

antonio cortés

Docente vocacional, cre que un mestre non pode deixar atrás a ningún alumno

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en 1956 e viviu no corazón de Ourense, daquel Ourense que tiña o seu latexo principal entre a praza Maior, a Alameda e a praza do Ferro; o que permitía cruzar a rúa Progreso sen risco de ser atropelado; o Ourense das modistas de roupa a medida, do intercambio de tebeos e da venda a granel. Un Ourense con nomes, apelidos e alcumes, un Ourense onde o cotián era mercar fiado.

Diso, e non só de francés, sabe moitísimo Rita Vázquez Domínguez. Polas súas aulas da UNED e do instituto Blanco Amor pasaron en tres décadas miles de ourensáns, pero a súa personalidade configurouse naquel recuncho cordial da praza Maior.

Alí tiveron os seus pais unha tenda de ultramarinos, herdeira da que o seu avó puxera en marcha anos antes na avenida de Pontevedra: Plus Ultra. A súa fachada de cerámica traída expresamente das terras valencianas de Manises é hoxe un espello nítido daquel Ourense que foi esplendoroso e hoxe esmorece entre intentos tímidos de recuperación. Nesa fachada que pide a berros volver á vida consérvase aínda o nome do avó que veu de Cuba: Javier Vázquez Lalín.

«Para min a foto máis bonita de Ourense é a vista da catedral e da praza do Trigo dende a praza da Madalena, pero a miña vida estivo moito máis arredor do ultramarinos. Eu traballaba nos veráns moitísimo -lembra-. Como repartía paquetes, coñecía a toda aquela xente e desa zona teño vivencias como ver Mujercitas no Liceo, un dos poucos lugares onde había televisión. Aínda lembro a vergoña de todo o que chorei con esa película».

«Esa zona para min é a nostalxia. O meu pai coñecía todos os edificios, os arquitectos... Ías con el pola rúa e explicábache todo da cidade. Sempre falaba do que viviu alí, naquel centro de Ourense: da guerra, das homenaxes que se facían na praza Maior... Alí viviu a historia de Ourense».

A mesma que, dun xeito ou doutro, pasou polo mostrador do ultramarinos: «Alí viñan os traballadores da Caixa, os obreiros que facían obras no centro, o gobernador e o alcalde. E facíanse boas tertulias. Ata entraba para fumar o que despois foi cardeal, Quiroga Palacios, porque na rúa estaba mal visto ir co cigarro!».

Aquela rapaza que pesaba o azucre e entregaba paquetes era unha espléndida estudante que xa de moi pequena xogaba na casa a ser profesora: «Escribía con xiz detrás das portas, explicáballe a alumnos imaxinarios e púñalles deberes e notas».

O mesmo que fixo durante varias décadas en Xinzo, Linares (Jaén), Trives, A Rúa, O Barco e, dende 1988, no instituto Blanco Amor, de Ourense. O francés foi a súa vida porque seguiu o comentario dunha profesora do instituto. «Díxome que eu iría moi ben para Románicas e eu non tiña idea de que era iso, pero foi a única persoa que me dixo algo, así que... tirei por aí». E iso, ri agora Rita, que era unha alumna de matrícula en matemáticas!

Ese caso e a influencia que sobre a súa decisión de ser docente exerceu Encarna, unha magnífica profesora de matemáticas do colexio do Posío Divino Maestro, deixan patente o peso que pode ter un docente: «Por iso eu non me atrevo a recomendarlle nada aos alumnos, só lles digo que fagan algo que lles guste».

Na súa propia familia viviu a experiencia de quen que deixou os estudos pola mala sombra dun profesor e iso influíulle tamén como docente: «Non hai ningunha materia tan importante para amargarlle a vida a unha persoa, porque se pode facer moito dano. Xa a vida está bastante difícil!».

En 37 anos como docente, Rita ten observado que «o profesor que foi bo estudante é máis comprensivo cos seus alumnos; non sei por que, pero coñezo moitos casos».

En catro décadas, ten visto tamén que «na estrutura do ensino, todos os cambios que houbo foron para peor. Os programas esixen menos e o nivel é inferior. Eu nunca fun de deixar a ningún alumno de lado, pero hoxe é moi difícil para un profesor porque nunha mesma clase hai moitos niveis diferentes e teñen pouca axuda».

A introdución da ESO, refire, pillou aos profesores de instituto «sen a pedagoxía precisa para atender a alumnos de 12 anos e púxoos fronte a rapaces que estudaban obrigados pola lei, aos que non se lles daba outra saída».

En canto aos alumnos, o tempo permítelle apreciar «que hoxe son, en xeral, máis inmaduros, pero sempre os houbo estudosos e tamén outros sen interese polo estudo pero que, ao mellor, eran moi válidos para outra cousa».

Rita, tan activa que chegou á xubilación entre cursos de formación en Vichy, un viaxe de intercambio en Bretaña e a actualización constante dun blog, advirte sobre a incongruencia do sistema: «Din que hai que promocionar os idiomas pero, á hora da verdade, todo son recortes».