«Linteo é a editora da poesía inédita que deixou Juan Ramón Jiménez»

OURENSE CIUDAD

miguel villar

O catálogo da empresa que dirixe Manuel Ramos inclúe obras de varios premios Nobel e de autores como Rilke ou Heine

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba case que un cuarto de século vencellado ao ensino como profesor de instituto cando Manuel Ramos Méndez (Ourense, 1950) decidiu apostar pola súa gran paixón. Durante un ano compaxinou o seu traballo como docente de Lingua e Literatura Españolas coa súa faceta como editor e director de Ediciones Linteo. Aínda que ese curso lectivo serviulle para tirar unha conclusión: que non era a mellor opción estar nas dúas frontes. A editora botaba a andar en 1998; estivo nun edificio do parque de San Lázaro e dende hai uns anos desenvolve a súa actividade no que foi a antiga Banca Romero. Manuel Ramos non o dubida e cre que logo da rehabilitación o inmoble rematará por ser coñecido como o Edificio Linteo.

-¿Apostar por un sector como o editorial dende Ourense, fóra dos grandes circuítos, non é unha empresa moi arriscada?

-É, pero tes que posicionarte e buscar a singularidade. Nós comezamos con narrativa, aínda que logo deixámolo e centrámonos na poesía. Somos unha editorial que aposta por un libro de calidade alta e cun público culto como destinatario.

-¿Pagou a pena o traballo desenvolvido nestes anos?

-Si. Empezamos cun catálogo de fotos de Eduardo Blanco Amor -O fillo da florista- e cun sainete publicado en Ourense, titulado A Casamenteira. Na actualidade coleccións como as de poesía, de temas galegos, infantil e unha coas miñas ideas centran a nosa actividade.

-¿De que proxecto ou iniciativa garda un recordo especial?

-En xeral de todas. Na actualidade Linteo é a editora da poesía inédita que deixou Juan Ramón Jiménez. Publicamos seis libros de este autor e algún, como Libros de amor, causou bastante barullo mediático internacional ao revelar un JRJ sensual, incluso erótico. Tamén temos editado obras de varios premios Nobel (Quasimodo, Camilo José Cela ou Herta Müller, entre outros), e de coñecidos candidatos a este galardón, como o coreano Ko Un ou o sirio Adonis. Dimos a coñecer textos que non estaban traducidos ao castelán de Rilke, Holderlin, Heine, Paul Valéry ou ben obra completa como a de Anne Sexton ou Stefan George. Tamén lle teño un especial cariño á obra completa de Luz Pozo Garza, Memoria Solar. Preparámolo os dous, man a man, durante dous anos. E a varios libros prologados por min tomando como base capítulos de El Quijote.

-¿Como xurdiu a iniciativa de editar textos antigos de autores xa desaparecidos?

-A nosa colección de poesía é unha referencia en España. E unha das liñas de traballo pola que nos distinguimos é a literatura de rescate: imos á procura de textos inéditos, ou poco coñecidos, de gran calidade e de autores xeralmente de referencia para poñelos a disposición dos nosos lectores.

-¿En que proxectos traballa?

-Estamos rematando un libro-homenaxe a un dos nosos grandes artistas contemporáneos, como é Arturo Baltar, e sacaremos proximamente a obra completa de Robert Frost. E temos aínda algúns inéditos por publicar de Juan Ramón Jiménez.

-¿Cancodrilo é a baza cara ao público infantil?

-Nós sempre nos posicionamos no libro infantil, con obras moi coidadas e educando en valores. Cancodrilo é unha inciativa cento por cento galega, creada por xente de aquí e editada en Ourense, que ofrece un mundo moi divertido e atractivo para os nenos. Levamos publicados cinco volumes, con grande éxito, e queremos chegar aos trinta ou coarenta. E haberá outros materiais.

«Botamos sete anos para facer o noso ‘El Quijote’ e foi presentado ata en Nova York»

O traballo en Linteo ten un aquel de obradoiro artesán para a creación de alfaias, de pezas bibliográficas que son obxecto de recoñecemento e admiración. As traducións, os textos, os deseños e todo o proceso de creación de cada un dos volumes faise na sede do casco histórico da cidade. A editorial leva sumado premios e recoñecementos nestes anos. E o proxecto senlleiro foi El Quijote editado en 2005, que recibiu o segundo premio ao mellor volume bibliófilo do 2006, otorgado polo Ministerio de Cultura.

-¿Como se xestou a iniciativa?

-Creo que foi o noso gran proxecto. Coincidiu co cuarto centenario da publicación da novela de Cervantes e fixemos unha tirada limitada de 200 exemplares. Botamos case sete anos para rematalo, con viaxes constantes a Alicante para coordinar o traballos con Ramón Pérez Carrió, o gravador que fixo as ilustracións. Esa é unha das singularidades da obra: que os gravados van inseridos co texto no libro e non nunha carpeta á parte.

Presentouse ata en Nova York e hai pouco figuraba nunha revista especializada de bibliofilia.

-Ten publicado varias obras relacionadas coa novela.

-Os personaxes da obra de Cervantes son unha paixón para min. Fixen o limiar dalgúns deses volumes centrados en capítulos da novela e estou preparando un adicado a Dulcinea do Toboso. Como os outros dous, o do Quijote e o de Sancho, irá ilustrado con láminas a cor.

-Antonio Colinas, o director da colección de poesía, foi recoñecido hai pouco co premio Raíña Sofía ¿É un valor engadido?

-Colinas ten acadado moitos premios. Ademais de ser un excelente poeta é un gran amigo. Coñecín a súa obra ao remate da carreira, era un dos Novísimos, e cando lle propuxen colaborar entendémonos dende o primeiro momento. E o resultado aí está.