«En decembro a xente era menos receptiva co PP»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE CIUDAD

santi m. amil

«Ourense sempre está contenta cos proxectos que presentamos», di sobre os bos resultados

28 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi deputada en catro lexislaturas, pero a corta actividade parlamentaria da última tivo que seguila por televisión. Ana Belén Vázquez Blanco (Bande, 1975) ía de número tres do PP en decembro e non conseguiu escano. Este domingo si foi posible e ela non podía ocultar a súa sorpresa durante a noite electoral. Onte estaba xa algo máis tranquila: «De catro escanos, ter tres o PP era complicadísimo, pero estamos contentos e agradecidos á cidadanía ourensá por este apoio masivo que nos deron».

-¿Que cambiou para que así fora?

-A verdade é que cando iamos pola rúa, á feira ou así, a xente collíanos a publicidade que lle dabamos e non nos criticaban. En cambio, en decembro a xente era menos receptiva co PP e tivemos máis problemas para chegar á cidadanía. Houbo un cambio de actitude importantísimo.

-¿A que cree que se debe?

-Eu penso que os grandes perdedores foron os tres partidos que intentaron facer pactos. Eu, como cidadá que vía o tema desde fóra, sen ser deputada, parecíame noxento como se estaban repartindo os sillóns sen contar coa cidadanía. Eu creo que esa imaxe que eu percibín a percibiu tamén moitísima xente.

-¿Foi efectiva para a campaña do PP en Ourense a mensaxe de que os votos para Ciudadanos só beneficiaban a En Marea?

-Si, efectivamente funcionou. Había 25 provincias como Coruña, Ourense, Ciudad Real ou Sevilla nas que os votos a Ciudadanos impediron que saíran deputados do PP en decembro e facilitaron que saíran os de Podemos. Loxicamente nos avogamos por un voto útil, que neste caso era o do PP. Nós sabiamos que dentro deses electores de Ciudadanos había moita xente do PP que estaba desgustada coa nosa xestión ou con casos de corrupción. Eu iso o entendo e asumimos a culpa que temos que asumir como partido e penso que esa xente desencantada volveu vir ao PP.

-Estando acostumada a estar alí, ¿foi duro seguir a actividade parlamentaria desde fóra durante estes meses?

-Non, a verdade que non. Víao en tertulias e seguíao polos medios de comunicación e o que si estaba é preocupada por como se ía conformar ese Goberno. Xa digo, a min o que máis deleznable que pareceu foi o tema dos sillóns.

-¿Que pensa que vai pasar agora? ¿Haberá pactos ou un goberno en minoría?

-A ver, onte o presidente do Goberno dixo que estaba aberto a falar con todo o mundo e vai falar porque Mariano é unha persoa de acordos. O que está claro é que el ten a lexitimidade para gobernar porque foi o único partido que ganou, o resto todos baixaron escanos e votos.

-¿Que ten esta provincia para que o PP obteña un de cada dous votos?

-Sobre todo ten unha cidadanía que neste caso quixo apostar por un Goberno estable con Mariano Rajoy e que non lle gustou o tema de Podemos, que en Galicia perdeu moito apoio. Eu penso que os ourensáns votaron pensando nese futuro próspero que prometeu Mariano Rajoy e, sobre todo, pensando na estabilidade. Co que pasou en Reino Unido ou en Francia a xente quixo votar estabilidade.

-Pero algo específico terá Ourense para que a diferenza coa media nacional sexa de dezaseis puntos máis, ¿non?

-Si, Ourense a verdade é que sempre está contenta cos proxectos que presentamos e contenta cos equipos porque o PP en Ourense ten un equipo espectacular en todos os concellos. Aí está o éxito. Rajoy pola televisión non chega a todos os concellos pero temos uns alcaldes e uns portavoces na oposición que traballaron moito e que forman parte do trunfo electoral aquí en Ourense.