«A Miteu ten unha boa acollida e os ourensáns síntense orgullosos dela»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Nestes anos a mostra conseguiu traer á cidade case que cincocentas montaxes, chegadas dende 42 países

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Miteu 2016 é historia. Como soe acontecer dende hai vinteún anos, son días de moito traballo, conflictos, imprevistos, sorpresas, encontros, amizades, contactos e propostas de futuro. Dende un xa lonxano 1996 Fernando Dacosta, sempre co apoio dos seus compañeiros de Sarabela, é quen lidera unha proposta que ten conseguido convertir a Ourense en cita obrigada para compañías de todo o mundo e que conta cun nome e cunha traxectoria recoñecidos no panorama dos festivais escénicos. O seu director xa está cavilando en novos proxectos.

-¿Cantos espectáculos levan pasado pola Miteu nestes anos?

-Como fixemos unha sorte de balance o pasado ano, ao cumprise a edición número vinte, e sumando os do 2016 resulta que levan pasado pola Miteu case que cincocentas montaxes. Chegadas dende 42 países, repartidos polos cinco continentes.

-¿Como respondeu o público?

-Temos que facer o reconto definitivo máis a resposta foi boa, na liña do pasado ano. As obras tiveron unha media de douscentos espectadores. E logo, xa a nivel xeral, ves que a Miteu ten unha boa acollida e que os ourensáns síntense orgullosos dela e que presumen do que hai na súa cidade. E iso é unha satisfacción.

-Nunha primeira valoración referiuse ao nivel da mostra.

-Iso é o que nos trasladou o xurado. Que a calidade das obras deste ano era excelente. Ás veces pasa que coinciden espectáculos que marcan a diferenza.

-Este ano diuse un especial protagonismo á situación dos refuxiados. ¿Como foi a acollida?

-Nós traballamos dende hai anos en colaboración con oenegés e eles, que están a pé de campo, sempre nos aportan ideas, proxectos ou iniciativas para traer a Ourense. A resposta sempre é boa e comprobouse de novo este ano: a xente está preocupada e sensibilizada; e asisten porque queren ter máis información, saber máis, coñecer o que está pasando.

-¿Neste apartado que salientaría?

-Poder contar este ano con Nadia Ghulam, para coñecer o seu caso, para saber cal é a situación en Afganistan e asistir á súa montaxe son acontecementos que paga a pena vivir e dan senso a todo o que facemos. Tamén no caso de espectáculos como os que trouxo Teatro del Donde ou a compañía de Chile.

-Falando de espectáculos e coa vista posta nas vinte edicións da Miteu pasadas. ¿Cal foi a asignatura pendente?

-Non as teño. Só penso no que quero traer no futuro e como podo conseguilo. Explícome; existen eses casos, pero non lles dou carta de natureza. Hai pouco, o ano pasado, quixemos traer unha obra moi boa, The Table, pero entre cachés e outras condicións íase a 7.000 euros. E cando chegas a este punto aplico a miña ratio e dígome: ¿A canto me sae isto por espectador?. Daquela ves que non é viábel nin razoábel e esquéceste do asunto.