«A identidade de Shakespeare está clara»

OURENSE CIUDAD

Millán Picouto presenta mañá a obra no Liceo
Millán Picouto presenta mañá a obra no Liceo . santi m. amil

O dramaturgo ourensán traduciu para Linteo a obra que mantén que Edward de Vere é o verdadeiro Shakespeare

26 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Liceo de Ourense acollerá mañá a presentación da obra «El verdadero Shakespeare», de John Tomas Looney. Será ás 20.15 horas e no acto -no que participarán o editor, Manuel Ramos (Linteo), e o autor da tradución, o dramaturgo ourensán Millán Picouto- haberá tamén un coloquio sobre o contido da obra, que non é outro que a tese de Looney que defende que Edward de Vere, dezasete conde de Oxford, e a identidade que se esconde detrás do nome de Shekaspeare e foi o verdadeiro autor do corpus literario que se ten convertido en referencia inexcusábel da literatura mundial dende hai catro séculos.

-¿Por que promoveu a iniciativa?

-O libro de John Thomas Looney provocou unha auténtica convulsión no seu momento, estamos falando de 1920 que foi o ano da súa edición, e revela quen foi o verdadeiro Shakespeare. Looney demostra que Edward de Vere, Conde de Oxford, foi o autor das obras e aporta datos e unha argumentación sólida. E era unha obra que, ata hoxe, non estaba traducida ao castelán. De aí que conte co valor engadido de ser unha proposta pioneira neste senso. Había reseñas, referencias ou apuntes, mais estaba inédita en castelán.

-¿Vostede que cre?

-Para min a identidade de Shakespeare está clara e non hai dúbida de que foi o dezasete Conde de Oxford. Na miña opinión, e creo que se ten demostrado abondo este aspecto, a teoría do home de Stratford non se sostén. E temos só seis firmas que aparecen en documentos, sen máis pistas.

-¿E no caso de Edward de Vere?

-O Conde de Oxford foi poeta e, por diversas causas -entre elas algún episodio familiar-, decidiu agochar a súa identidade a partires dos 26 anos. Pero consta que foi actor, escribiu e mesmo dirixiu obras teatrais. A decisión de ocultarse mesmo é lóxica: na súa condición de aristócrata non estaba ben visto, mesmo era tabú, publicar versos e facer teatro. Tamén escribilo era unha ocupación menor e indigna para unha persoa do seu rango social.

-¿Sendo así por que non se muda a identidade do autor?

-A tese de Looney foi recoñecida e apoiada por grandes personalidades. Un deles, Sigmund Freud, dicía que con este traballo remataba o «Enigma Shakespeare». E hai traballos posteriores, como o de Ogburn de 1984, na mesma liña. Aínda que aquí pasa como en outros moitos casos: a teoría do home de Stratford ten moitos intereses creados, e hai todo un mercado turístico e económico detrás. Ademáis dunhas cantas propiedades na cidade. E está a celebración de todos os 23 de abril.

-¿Foi doado o proxecto ou atopou moitos atrancos?

-Foi un traballo complexo, porque se fuxiu do fácil e traducíronse os versos de Shakespeare como tales -case sempre se transcriben en prosa- e é a primeira vez que se inclúe un soneto do escritor. Foi unha tarefa complexa, de virtuosismo.