O insulto nega os argumentos

OURENSE CIUDAD

21 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A política ourensá vai camiño de se converter nun espectáculo mediático. Sen máis interese que o pan e circo, e sen beneficio para o cidadán. Unha especie de montaxe parateatral que nos está transformando nunha sorte de banco de pesca de grande valor á hora de ir facer marea e traer para casa as mellores pezas e as arroutadas máis singulares. Minutos de gloria e espectáculo para redes sociais e diferentes soportes informativos. Democracia Orensana é na actualidade o contrapoder na cidade e conta cunha importante representación na Deputación, por riba da conseguida polos nacionalistas e pasando de non ter presenza a contar con dous deputados. DO está lexitimada para liderar a oposición na cidade, así o quixeron os cidadáns e os seus votos fan deste partido o segundo nas preferencias dos ourensáns. 

    Ese é o escenario, mais encher os debates de insultos e descalificacións só consigue que Democracia Orensana remate por anular as súas propias argumentacións. E de paso dar bazas a quen precisamente se quere desautorizar. Pedía DO unha serie de compromisos de investimentos para o proxecto do AVE na cidade, non menos de 100 millóns de euros, e o previsible voto en contra do PP deixaría en evidencia ao alcalde. Se iso era o que se pretendía. 

   Finalmente DO rematou fóra da sesión plenaria, os seus concelleiros non puideron votar a súa propia proposta e o posible apoio do PSOE para deixar en minoría aos populares non se chegou a materializar. Os insultos xa trunfan na rede, mais non hai acordo de investimento para o AVE.