As pegadas do derradeiro señor do pazo de Fontefiz

La Voz

OURENSE CIUDAD

Xulio Rodríguez, Paz Leirós e Francisco Fariña na presentación da nova publicación.
Xulio Rodríguez, Paz Leirós e Francisco Fariña na presentación da nova publicación. santi m. amil< / span>

O Grupo Marcelo Macías publica o traballo de investigación de Paz Leirós de la Peña

24 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grupo Marcelo Macías presentou onte no Liceo un novo volume do Boletín Auriense, neste caso a entrega trinta e cinco da súa colección de anexos. Os responsables do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e do Marcelo Macías, Xulio Rodríguez e Francisco Fariña respectivamente, acompañaron a Paz Leirós de la Peña no acto no que se diu a coñecer o traballo Un fidalgo galego no cambio de século. Pedro Ventura e o Pazo de Fontefiz. O director do Arqueolóxico salientou na importancia do proxecto de investigación e na aportación do mesmo para coñecer o mundo dos fidalgos galegos e Fariña lembrou que se fan necesarios traballos como os de Paz Leirós para coñecer como se contribuiu a crear riqueza no país e como se foi construindo e artellando o territorio galego.

Paz Leirós de la Peña fixo un percorrido histórico para dar conta de como se chegou a conseguir o patrimonio e a riqueza familiar, con Gregorio de Nóvoa como primeiro fidalgo do pazo de Fontefiz, e como se foi incrementando o legado e o poder da mesma. A autora lembrou que Pedro Ventura de Puga, a quen definiu como «o derradeiro señor da casa de Fontefiz», foi un ilustrado que participou activamente en política -foi rexedor de Ourense durante máis de trinta anos e deputado en Cortes- e un fidalgo que foi quen de manter o seu poder baixo diferentes gobernos. A investigación fai un percorrido que abarca máis de tres séculos e está patrocinada polo Concello de Coles.