Materia gris con conciencia e optimismo

OURENSE CIUDAD

Fernando cursou ESO en Mende e Bacharelato, nas Lagoas.
Fernando cursou ESO en Mende e Bacharelato, nas Lagoas.

Tres dos alumnos ourensáns recoñecidos polas súas boas cualificacións analizan o valor de conceptos como esforzo persoal, compañeirismo, competitividade e utilitarismo

12 mar 2016 . Actualizado a las 17:37 h.

Son algúns dos mellores expedientes académicos de Ourense e de Galicia. A Xunta acaba de concederlles, entre outro selecto grupo de estudantes, o premio extraordinario ao rendemento académico na ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) no curso 2014-2015. Chámanse Fernando González Fontanals, Miguel Franco e Nazaret Vázquez. Cursan 1º de Bacharelato e, cos 17 anos axexando ou recén cumpridos, son optimistas respecto ao futuro. De momento, din, o seu é estudar.

Os premios extraordinarios concédenselle aos alumnos cunha media igual ou superior a 9 nos catro cursos da ESO e que, ademais, superan un conxunto de exames específicos. A Xunta outorga cada ano un máximo de vinte premios, dotados con 750 euros e a inclusión da distinción no expediente académico.

Fernando González fai 1º de Bacharelato no instituto das Lagoas e recibiu o premio pola súa traxectoria no colexio José García, de Mende. Foi o número 1 de Ourense e o 3 de Galicia: «É un honor, pero creo que se pode conseguir con esforzo perfectamente. Máis que dedicarlle moitas horas ao estudo, trátase de dedicarllas con interese e con ganas e de buscar o método que máis se axuste a cada persoa. Non ten por que ser estudar todo ao pé da letra, pode ser subliñar ideas e desenvolvelas doutro xeito, ou copiar os temas ou, incluso, facer apuntes propios».

A Fernando gústanlle a Economía e as Matemáticas aplicadas; tamén a Historia. Por iso escolleu o Bacharelato de Ciencias Sociais. Cara á Universidade, pensa nunha titulación de Dereito e ADE, posiblemente en Madrid.

De momento o traballo é algo que non lle ocupa tempo. O seu dedícao ao instituto, ás clases de alemán na Escola Oficial de Idiomas e ao violoncello no Conservatorio. Defende a competitividade como ferramenta e asegura que é un concepto que casa ben co de compañeirismo «porque non todo é branco e negro, hai grises. Non pode ser iso de sacar boas notas danme igual nin tampouco aquelo de quero sacar as mellores e facer que o outro as saque peores».

Aos compañeiros de clase veos «preocupados por sacar notas boas, hai competitividade e un ambiente bo. Agora mesmo, máis que preocupación temos ilusión, aínda estamos cheos de esperanzas no futuro, non nos preocupamos tanto, hai que preocuparse pero a mellor maneira de combater os problemas do traballo do futuro é estudando moito e tentando sacar as mellores notas para conseguir bo expediente e bo traballo».

Miguel Franco obtivo o segundo premio de Ourense e o décimo de Galicia. Estuda no instituto de O Couto, o mesmo que Nazaret Vázquez. Miguel cursa Bacharelato de Ciencias Sociais e aínda non ten clara a súa opción universitaria: «Gustábanme as Naturais, pero fun vendo que me atraían máis as Sociais, a rama da Política, e agora estoume decatando de que me apaixona a Filosofía. Un pouco fun comezando coas pequenas dúbidas que temos todos nestes momentos de configurar a personalidade e despois profundei máis».

Láiase do excesivo utilitarismo da sociedade occidental: «Todo o que non produce, como os valores e o pensar, queda esquecido. Cada día hai máis problemas de índole emocional porque nos esquecemos do non tanxible». El non se esquece e por iso quere chamar a atención sobre outros premios a alumnos da ESO, non os do rendemento académico, senón os do esforzo e a superación persoal, «que reciben alumnos con dificultades de distinto tipo, dende ambiente sociocultural distinto a outros problemas. Iso é o que hai que revalorizar».

A súa compañeira de instituto, Nazaret Vázquez, fai Bacharelato por Ciencias: «Os de Ciencias non nos preocupamos tanto de como vai o mundo; os da clase de Ciencias Sociais si, teñen moito interese, discuten moito e comparten opinións».

Ela, que gañou a fase galega da Olimpiada de Xeoloxía, non puido preparar ben os exames do premio de ESO «porque tiven que entregar ao banco de libros os de 4º e non repasei no verán». A súa técnica é non quedarse «co que trae o libro porque é moi restritivo e eu, se non entendo unha cousa e non me explican todo o proceso, non a dou memorizado».