«"Vida" é a loita contra as barreiras»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

O actor participou no proxecto que dá voz ás persoas con capacidades diferentes

02 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Óscar Rodríguez aínda se emociona cando lembra a gala de estrea da curtametraxe e o documental Vida e Máis ca vida no Auditorio de Ourense. Dende cativo estivo metido en grupos de teatro nos centros onde cursou os seus estudos e chegou ao proxecto promovido e dirixido por Rubén Riós sen decatarse -«estaba seguro que non me ían dar o papel de Pablo», o protagonista-. Ao rematar o pase e ver como a xente se achegaba a felicitalos sentiu que o esforzo tiña pagado a pena e que a mensaxe calara nos ourensáns. Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro interpretan aos mozos protagonistas da historia narrada por Rubén Riós en imaxes. Mañá participará no debate A viva Voz sobre Vida e Máis ca vida (Afundación, 19.00 horas).

-¿Como chegou ao proxecto?

-Un día presentouse unha xente no local onde traballaba, no centro de Aspanas Termal na Avenida de Bos Aires, e dixéronnos que nos ían dar unha sorpresa. A cita foi no Liceo e alí chegou, de súpeto, Rubén Riós e amosounos algúns dos traballos que tiña feito e explicounos cal era o seu proxecto.

-¿E xa o seleccionaron daquela?

-Non, foi moito máis complexa a cousa do que parece. Estivemos cinco meses traballando e ensaiando para ver de prepararnos. E un día díronnos o guión para estudalo e ver como se nos daba a cousa. Funme para a casa, comín, e estiven toda a tarde co texto. E logo de cear pecheime no baño para ver como me saía diante do espello. Ata as tres da mañá. Depois fixémos unha pequena interpretación. E cando Rubén Riós repartiu os papeis e dixo «Óscar vai ser Pablo» púxenme a chorar.

-¿Como lle definiría o proxecto a quen aínda non o viu?

-Vida e Máis ca vida amosan a aprendizaxe e a loita para rachar barreiras. Ves o sentimento e o que pasas no día a día e vale para que a xente se vexa moi identificada e aprenda o que é a vida.

-¿Como foi a rodaxe?

-Xenial. Na miña vida nunca me trataran con todo o cariño e todo o amor con que o fixeron os actores e os do equipo de Claqueta Coqueta. Foi extraordinario.

-Traballou xunto recoñecidos actores, entre eles Javier Gutiérrez, Marina Carballal ou Cristina Castaño. ¿Como valora a experiencia?

-Foi extraordinaria e moi positiva. E con momentos inesquecibles. Vouche contar unha anécdota: unha vez estabamos na rodaxe sós Estíbaliz Vega, eu e o equipo de maquillaxe. E ela comentoume algo personal da súa vida e iso emocionoume moitísimo e foi algo incríbel.

-Creo que houbo algunhas escenas que lle costaban máis.

-É certo. O que pior se me daba era o dos abrazos e o dos bicos. Mais foi por unha cuestión evidente: eu son grande como un armario, coma un oso, e Mónica Ferreiro -a actriz que lle dá a réplica como Helena, a coprotagonista da historia- é pequeniña, coma un gato. E non era doado. A min sempre me parecía que eramos como Shrek e Fiona.

-¿Logo da acollida que está tendo o proxecto seguirá traballando como actor?

-Gustaríame, pero non o vexo. Non creo que a xente me queira para iso e tampouco me parece que haxa moitas posibilidades de facer outros proxectos. Aínda que sempre me gustou actuar e estiven nos grupos de teatro dos colexios onde estudiei, entre outros o García Barbón, de Vigo, e A Carballeira e o Manuel Luis Acuña, de Ourense.

-¿Coa vista atrás con que se quedaría?

-Gustaríame que a xente valorase todo o cariño que nos diu o equipo de Claqueta Coqueta e Rubén Riós, que é unha excelente persoa a quen quero moito.

De Aspanas a opositar. Óscar Rodríguez ten 30 anos e traballou durante nove en Aspanas. Agora está no paro e vai preparar oposicións.

Actor. Protagonizou, xunto a Mónica Ferreiro, «Vida», de Rubén Riós.

«A viva Voz». Actores e director participarán mañá, ás 19.00 horas en Afundación, no debate de La Voz de Galicia.