«Liquidación de existencias' é refrexo deste mundo convulso»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O escritor edita con Xerais unha colección de relatos e participa nun libro-cedé creado a partir dos seus textos

01 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Caride Ogando (San Cristovo de Cea, 1957) leva desenvolvido unha ampla carreira literaria. Unha traxectoria na que foi quen de moverse en moitos e variados rexistros: dende a literatura infantil e xuvenil á ciencia ficción e da poesía ao ensaio. Os premios foron acompañando o seu traballo e conta con galardóns como o Blanco Amor, o Cidade de Ourense de Poesía ou o Merlín, entre outros. Agora chega ás librarías «Liquidación de existencias» (Xerais), unha conxunto de relatos que, segundo sinala a editorial, «son historias que aparentan estar collidas das rúas, ou das novas dos xornais». E coincide con outro proxecto no que está implicado, o libro-cedé «Xeografías do deserto». 

-¿Aposta de novo polos relatos?

-En realidade son oito relatos e unha novela curta, que se divide en catro entregas. Ou, para ser máis exactos, unha novela na que se van intercalando outras historias.

-¿O mundo como unha grande superficie comercial?

-En «Liquidación de existencias» todo transcurre nun grande Polígono Outlet, acontece neste espazo ou ten o seu referente nel. É como unha novela fragmentaria, un universo que é un refrexo de como está o país.   

-¿En que sentido?

-Hai corrección política, mafias policiais, secuestros «express», por alí anda un vello comunista que se reactualiza, tamén hai historias vencelladas coa emigracion, cos restaurantes chineses, unha delas trancorre nos Balcáns ?en Kosovo?, desfiuzamentos e outros aspectos deste mundo que se di que está en convulsión. E mesmo figura un relato metaliterario. 

-¿Por que se decantou por esa opción?

-Parto dun texto inacabado dun escritor coñecido e a partir de aí creo a miña propia historia. 

-Hai referencias ao cotidián e as novas da actualidade. ¿Tomou esa realidade como punto de partida?

-Si, pode haber catro ou cinco dese tipo. Son textos que parten de experiencias que coñeces ?por desgraza todos sabemos de persoas afectadas por desfiuzamentos ou por situacións provocadas pola crise? o de novas que ves ou les e que consideras que son temas ficcionables.

-Coincide este libro co proxecto «Xeografías do deserto». 

-Mais aí o protagonismo é dos músicos Ramón Núñez e Sito Suárez. É un libro-cedé que toma como referencia textos meus ?son sete temas e eu aparezo recitando en dous? pero eles son os que lideraron a iniciativa. Hai outros cinco temas para unha segunda entrega, pero cando se consigan recursos.

-Tamén participa a súa filla.

-No proxecto está Sara Caride, aínda que ela faino como fotógrafa.